A Xunta destaca o labor que o CTAG desenvolve coma “pulmón da innovación” de toda a industria automobilística de Galicia

2013-05-16
  • O Centro Tecnolóxico da Automoción Galega (CTAG) pon a disposición das empresas de automoción os seus recursos e capacidade para reforzar a súa actividade para novos produtos, procesos ou a través da reinxeiñería xa existente
  • A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá unha visita ás instalacións que o centro ten no Porriño
  • Bravo Bosch resaltou a aposta do Goberno galego pola innovación coa nova convocatoria do programa Interconecta II e a nova liña de axudas para financiar contratos-programa estables nos centros tecnolóxicos e de investigación galegos

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá unha visita ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), onde destacou o labor que esta entidade, creada para ofrecer solucións tecnolóxicas avanzadas ao sector do automóbil, desenvolve coma “pulmón da innovación” de toda a industria automobilística da Comunidade Autónoma.

Recoñecido coma Centro de Innovación e Tecnoloxía (CIT) polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e declarado de interese industrial e galego pola Xunta de Galicia, Bravo Bosch percorreu as instalacións deste centro “de coñecemento, de tecnoloxía, de altísimo nivel dende o punto de vista da formación e un centro que exporta e suministra ás distintas multinacionais e ás distintas construtoras do automóbil de todo o mundo”, resaltou.

O CTAG conta cuns recursos humanos de alto nivel e conta con máis de 280 traballadores, dos que preto do 70% teñen titulación superior. Neste sentido, é receptor de investigadores de primeiro nivel a través do programa TalentGalica da Consellería de Economía e Industria.

O centro dispón dunhas modernas instalacións dotadas da útlima tecnoloxía, ao longo dos seus 17.200 metros cadrados, dos cales 9.000 son cubertos. Conta cos máis avanzados laboratorios (metroloxía, climático, acústico, ergonometría, motores…), con equipamentos tan importantes como un simulador avanzado de condución e equipos de prototipo rápido.

Os servizos que aporta o CTAG abranguen calquera proxecto relacionado con novos produtos (xa sexa un componente concreto ou sistemas completos) independentemente da súa natureza. Así, pon a disposición das empresas de automoción os seus recursos e capacidade para reforzar a súa actividade, tanto para novos produtos, novos procesos ou a través da reinxeiñería xa existente.

Aposta do Goberno galego

Por último, a delegada da Xunta en Vigo recordou a importante aposta que a Administración autonómica está a levar a cabo no campo da innovación e da investigación a través da nova convocatoria do programa Interconecta II, dotado con 75 millóns de euros para a realización de proxectos de I+D colaborativos, e tamén coa nova liña de axudas que avanzou a semana pasada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que van destinadas a financiar contratos-programa estables nos centros tecnolóxicos e de investigación galegos. Deste xeito, o Executivo autonómico investirá 4,5 millóns de euros anuais para lograr a atracción e retención de talento e para os equipamentos e subcontratacións de ditos centros, entre os que se atopa o CTAG.