A Xunta colabora con Enisa para mobilizar 50 millóns de euros en proxectos innovadores de empresas galegas

2013-05-13
  • O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presenta un convenio entre XesGalicia e a Empresa Nacional de Innovación (Enisa) que potenciará a figura do préstamo participativo
  • A alianza pon a disposición dos empresarios galegos unha nova vía de financiamento para levar a cabo os seus proxectos
  • Facilítase tamén un canle directo para que as empresas galegas teñan acceso, do modo máis áxil posible, a crédito estatal
  • 19 proxectos galegos xa están a ser estudados a través desta vía para o seu financiamento

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe, acompañado polo presidente da Empresa Nacional de Innovación (Enisa), Manuel Valle Muñoz, un convenio de colaboración entre XesGalicia e a entidade estatal que aspira a mobilizar este ano na Comunidade 50 millóns de euros entre capital público e privado. “Con este novo acordo estamos a impulsar máis oportunidades para os nosos emprendedores, máis financiamento para as nosas pemes, e máis inversión para a dinamización da economía e a xeración de postos de traballo”, explicou Conde.

Neste sentido, a alianza permitirá á Xunta e Enisa traballar de xeito conxunto poñendo a disposición dos empresarios galegos o financiamento necesario para as súas iniciativas. Para ilo, potenciarase a figura do préstamo participativo e activarase un canle de información adecuado entre XesGalicia e Enisa de cara a facilitar o acceso dos proxectos galegos á fondos estatais.

Así, explicou Conde, os proxectos captados por XesGalicia, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), poderán ser a súa vez remitidos a Enisa, ofrecendo ás empresas unha dobre posibilidade de financiamento. “Esta vía ten dado os seus primeiros froitos e 19 proxectos galegos xa están a ser estudados para o seu posible acceso a financiamento”, avanzou o conselleiro.

“A busca de financiamento supón unha das prioridades fundamentais nun contexto xeral de restrición do crédito”, sinalou Conde, quen resaltou que mediante acordos deste tipo aprovéitanse as sinerxías da cooperación institucional “conseguindo que as boas ideas poidan saír adiante”.

“A través de iniciativas como esta que se suman ás xa existentes –explicou Conde-, proporcionamos instrumentos financeiros para reforzar as estruturas empresariais, facilitamos servizos de valor engadido, e fortalecemos o mercado de capital risco como vía de financiamento”.

Así mesmo, o titular de Economía e Industria resaltou que este marco de colaboración entre Enisa e XesGalicia terá a súa extensión a través da Lei do Emprendemento, “unha norma que vai permitir o financiamento de proxectos para aqueles emprendedores que inicien unha nova actividade económica” e que, a través deste acordo, achegara aos empresarios galegos novas oportunidades de acceso ao crédito.