Conde destaca a colaboración entre Aguas de Mondariz e Sargadelos como exemplo innovador para gañar competitividade

2013-05-13
  • O conselleiro de Economía e Industria destaca o traballo conxunto na creación dunha botella deseñada por Sargadelos para o 140º aniversario da marca Mondariz
  • Salienta ás dúas empresas, “enraizadas no máis fondo da cultura galega”, como exemplo de espírito emprendedor, innovación e internacionalización

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a colaboración de Sargadelos e Aguas de Mondariz como exemplo para a innovación conxunta das empresas galegas, co fin de gañar competitividade nos mercados e xerar emprego. Conde participou na presentación dunha botella deseñada por Sargadelos para conmemorar o 140º aniversario de Aguas de Mondariz, un produto que o titular de Economía e Industria puxo como modelo dese traballo conxunto.

“Compartir a nosa capacidade de innovación é clave para a competitividade e o futuro das nosas empresas, e esta é unha aposta innovadora de dúas compañías que, xa por separado, confiaron os seus destinos á innovación”, dixo Conde. Neste senso, lembrou o recente proxecto de dixitalización dos deseños de Sargadelos, e as iniciativas de control medioambiental, renovación de procesos e creación de novos deseños de Aguas de Mondariz.

O conselleiro sinalou a ambas empresas, “enraizadas no máis fondo da cultura galega”, como modelos de espírito emprendedor, innovación e internacionalización, que destacou como os piares da estratexia de Galicia para voltar ao crecemento.

De eses tres piares, Conde fixo unha especial referencia aos procesos de internacionalización de ambas empresas, que contaron co respaldo da Xunta. O conselleiro sinalou a singularidade da saída ao exterior de Aguas de Mondariz e Sargadelos, porque repercute de forma especialmente positiva en Galicia. “Ambas exercen con éxito de embaixadores da nosa comunidade, o que repercute na percepción internacional da nosa cultura, e incide no turismo que chega a Galicia”, salientou.