Conde salienta o labor de Gradiant no impulso dunha innovación que ten permitido o crecemento empresarial galego

2013-05-10
  • O Conselleiro de Economía e Industria subliña a vocación empregadora de Gradiant no seu quinto aniversario, e sinala que en 2012 máis da metade dos seus ingresos procederon de traballos de I+D+i para empresas
  • Defende poñer a investigación galega ao servizo do crecemento e a xeración de postos de traballo
  • Anuncia a próxima convocatoria de 4,5 millóns en axudas, fundamentalmente para que os Centros Tecnolóxicos e de Coñecemento reteñan o talento galego e atraian aos mellores investigadores

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe a necesidade de poñer a investigación pública ao servizo do crecemento e a xeración de emprego, transferindo os resultados do seu traballo ás empresas galegas. Conde participou na celebración do quinto aniversario do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, respaldada pola Xunta desde a súa creación. E subliñou que Gradiant está a demostrar a viabilidade desa estratexia, gañando autonomía financeira cada ano grazas a traballos de I+D para distintas empresas.

Esa transferencia de coñecemento ao mercado supuxo que máis da metade dos ingresos do Centro Tecnolóxico en 2012 debéronse a contratos con empresas, “o que da una idea da crecente confianza do empresariado galego no traballo dos investigadores”, destacou Conde.

O conselleiro resaltou que a labor de Gradiant e os seus profesionais é avalada de forma continua a nivel europeo, e puxo como exemplo que o programa de axudas a innovación Feder-Innterconecta respaldou 9 proxectos nacidos neste Centro Tecnolóxico. Destacou ademais que este mesmo programa mobilizará na súa segunda fase en Galicia 150 millóns de euros, dos que 22 estarán destinados a organismos de investigación galegos, “o que abre novas oportunidades para centros como Gradiant”.

Conde anunciou ademais que hoxe informou no Consello da Xunta dun novo paquete de 4,5 millóns en axudas aos Centros Tecnolóxicos e de Coñecemento galegos, destinadas fundamentalmente a que as institucións reteñan o talento galego e atraian aos mellores investigadores foráneos. “Cando unha sociedade se decide a innovar, non é o diñeiro, senón as persoas, as que marcan a diferenza. E Galicia necesita poñer aos seus mellores talentos ao servizo do crecemento e da creación de emprego”, destacou.

As axudas se canalizarán mediante contratos-programa da Xunta con cada centro, e a Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, asinará este mesmo mes os primeiros contratos. Conde subliñou que os criterios para repartir as axudas estarán centrados na capacidade de cada institución en transferir os resultados das investigacións ás empresas galegas, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e xerar emprego.

O plan, que tamén servirá para financiar outros gastos como equipamentos, enmárcase na aplicación da Estratexia Estatal de Innovación en Galicia, e2i, dotada con 35 millóns de euros para actuacións estratéxicas no sistema galego de I+d+i. E terá continuidade en vindeiras anualidades, nas que os requisitos para acceder a elas estarán aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que Galicia está a deseñar para ter acceso aos fondos estruturais europeos no período 2014-2020.