Conde defende a transferencia do coñecemento universitario ao mercado para que Galicia gañe competitividade e xere emprego

2013-05-09
  • O conselleiro avoga por facilitar a creación de empresas nacidas da Universidade e potenciar o traballo conxunto das empresas e os investigadores públicos
  • Francisco Conde participou no “VI Congreso de Fundaciones Universitarias y Fundaciones Universidad Empresa”, en San Lorenzo del Escorial

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe a transferencia do coñecemento universitario ás empresas, co obxectivo de que estas gañen competitividade e xeren novos empregos de calidade. Conde participou no
VI Congreso de Fundaciones Universitarias y Fundaciones Universidad Empresa, en San Lorenzo del Escorial (Madrid), e avogou por orientar as prioridades da investigación pública cara o crecemento económico.

As administracións públicas e as fundacións universitarias, salientou o conselleiro, “deben liderar ese cambio, aliñando os obxectivos da investigación universitaria coa aplicación económica e industrial dos resultados obtidos”. A finalidade desta orientación, defendeu Conde, é a mellora competitiva das empresas, que debe acadarse “a través dos procesos, as persoas e unha planificación enfocada nos sectores estratéxicos”.

Conde destacou tres casos de éxito nos esforzos compartidos entre Universidade e Empresa. En primeiro lugar, referiuse aos grupos de investigación universitaria que terminan por crear unha empresa: as spin-off. “Son unha invitación a arriscar, a saír do marco establecido e buscar unha implementación de novas ideas”, dixo, poñendo como exemplo á spin-off da Universidade de Santiago ‘Galchimia’.

En segundo lugar, sinalou os casos de empresas consolidadas que acoden á universidade para investigar novos produtos e melloras, que lles dean a vantaxe necesaria para competir no mercado global, como é o caso, indicou, de empresas galegas como o Grupo Cupa e a súa colaboración coa Universidade de Vigo.

Por último, destacou os casos de estudantes que, a partir do traballo nunha materia, terminan por sacar adiante o seu proxecto, como o caso de ‘Hifas da Terra’, unha empresa de biotecnoloxía aplicada á micoloxía.

Este último, subliñou Conde, é a mostra de que a Universidade xera de forma constante un talento innovador que debe ser aproveitado polas empresas. Para iso, sinalou é necesario “inculcar a cultura emprendedora” aos estudantes das universidades, e facilitarlles a creación de novas empresas, algo que a Administración galega está a impulsar coa nova Lei do Emprendemento que se está a tramitar.