O director de GAIN expón as vantaxes dos fondos i2c e Xes-innova para o desenvolvemento de proxectos de innovación

2013-04-26
  • Manuel Varela participa nun encontro organizado por Redinvest no que destaca a importancia duns fondos que suman este ano máis de 11 millóns de euros para o impulso da innovación

O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, participou hoxe no Club Financeiro de Vigo nun encontro privado organizado pola Rede de inversores privados (Redinvest) na que se expuxeron dous proxectos locais innovadores abordándose as súas posibilidades de financiamento.

Neste contexto, Varela destacou a importancia de apostar pola innovación para potenciar o talento galego, favorecendo a transferencia dos resultados obtidos da innovación á empresa e a economía do coñecemento. Para facilitar este tarefa, o Goberno galego pon a disposición dos emprendedores distintos instrumentos financeiros, entre os que destacou o Fondo de Capital Risco i2C e o Xes-Innova.

Varela lembrou que a liña de axudas do Fondo i2C conta este ano con 10 millóns de euros destinados a impulsar a creación e a posta en marcha de proxectos empresariais de base tecnolóxica cun forte compoñente de I+D+i.

Este fondo de capital-risco encádrase dentro do cambio impulsado polo Plan i2C, que promove unha visión estratéxica baseada na unión da investigación e a innovación co espírito emprendedor a través dunha perspectiva baseada na colaboración do eido público e o privado.

Neste marco, as axudas incentivan de modo especial os proxectos relacionados coa biotecnoloxía, nanotecnoloxía, as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), a sanidade ou as enerxías alternativas. Uns campos aos que tamén lle outorga preferencia o fondo Xes-Innova, segundo explicou Varela, que conta este ano con máis de 1,3 millóns de euros para a concesión de préstamos participativos no eido innovador e do emprendemento.

Esta ferramenta financeira está especialmente pensada para o apoio a proxectos de contías comprendidas entre 60.000 e 200.000 euros, facilitando así o acceso á innovación ás pequenas e medianas empresas da Comunidade, o que permite fomentar unha innovación acorde ao tecido empresarial galego.