A Xunta facilita o acceso das empresas galegas a 42 millóns de financiamento europeo e estatal para proxectos innovadores

2013-04-23
  • A Axencia Galega de Innovación e o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial presentan novas axudas para o I+D do tecido empresarial galego
  • As subvencións e préstamos están incluídos no Fondo Tecnolóxico Europeo, dotado con máis de 400 millóns de euros para Galicia e con vixencia ata finais deste ano

A Xunta reuniu hoxe a empresarios e técnicos da administración do Estado co fin de que as compañías galegas accedan a 42 millóns de euros en axudas á innovación procedentes de fondos europeos e estatais. As subvencións e préstamos proceden en boa medida do Fondo Tecnolóxico Europeo e son xestionadas polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI). Co obxecto de aproveitar ao máximo estes cartos, a Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), organizou un obradoiro de dous días en Santiago no que os empresarios están a recibir o asesoramento e a axuda de especialistas do propio CDTI.

O director da GAIN, Manuel Varela, e do xefe de Divisio?n de Promocio?n e Coordinacio?n do CDTI, Nabil Khayyat Khury, presentaron hoxe este novo programa de apoio á empresa galega e subliñaron o seu potencial para mellorar a innovación no tecido económico do país.

O plan consiste en dúas liñas diferenciadas de axudas. A primeira liña diríxese ao financiamento de proxectos de innovación tecnolóxica a través de préstamos ao 2%, que poden cubrir ata o 85% do orzamento total. Esta liña pon a disposición das empresas galegas 12 millóns de euros, e está pensado para iniciativas que supoñan a incorporación e adaptación de tecnoloxías novas, a aplicación do deseño industrial e a enxeñería de produto e proceso para a mellora tecnolóxica, ou a aplicación dun método de produción ou subministro novo. Os beneficiarios poderán optar a un anticipo do 25% da axuda ata 300.000 euros sen garantía e do 75% presentando un aval bancario.

A outra liña, dotada con 30 millóns de euros para Galicia, está dirixida ao financiamento de proxectos de I+D aplicada para a creación e mellora significativa dun produto, servizo ou proceso. Igual que no outro caso, as axudas poden cubrir ata o 85% do orzamento total do proxecto, só que neste caso se combina unha parte reembolsable mediante un préstamo ao Euribor + 0,1% con outra non reembolsable, é dicir, a fondo perdido, que pode acadar ata o 20% do custo do proxecto.

En ambos os dous casos, os proxectos presentados polas empresas teñen que ter un orzamento mínimo de 175.000 euros. O prazo de devolución oscila entre as cinco cotas dos préstamos para proxectos de innovación tecnolóxica e os dez anos na parte reembolsable dos proxectos de I+D aplicada.

Esta iniciativa forma parte da estratexia de dinamización do Fondo Tecnolóxico Europeo que a Consellería de Economía e Industria está a levar a cabo desde 2009 para facilitar o acceso das empresas galegas a este instrumento de financiamento da innovación, que permanece vixente ata finais deste ano cun orzamento total de 405,6 millóns de euros para Galicia. Deste esforzo forma parte tamén o programa FEDER-INNTERCONECTA, que a través dun investimento público (complementado con fondos galegos) de 105 millóns de euros está a mobilizar máis de 210 millóns en proxectos de innovación de alto impacto a través das súas dúas convocatorias.