A Xunta impulsa a colaboración entre a Fundación Xenómica e o CESGA para afondar na análise do xenoma humano

2013-04-08
  • Os conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e de Sanidade, Rocío Mosquera, presentan un novo convenio que permite á Fundación acceder aos supercomputadores do Centro para procesar información co fin de avanzar na investigación de diferentes enfermidades raras
  • A Consellería de Economía e Industria leva aportados nos últimos catro anos máis de 400.000 euros para apoiar o traballo da Fundación na investigación da ultrasecuenciación do ADN
  • Conde resalta que este de tipo de actuacións reiteran “a aposta pola investigación, a innovación e a cooperación como eixos fundamentais para acadar o crecemento e a creación de emprego”

A Xunta de Galicia, na súa aposta pola investigación aplicada de excelencia, continúa a apoiar á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica co obxectivo de afondar na análise do xenoma humano. Neste sentido, os conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e de Sanidade, Rocío Mosquera, presentaron hoxe un acordo polo cal o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) cooperará coa Fundación, dependente do Sergas, para a mellora do tratamento e procesamento de datos no eido da ultrasecuenciación do ADN. Esta técnica fai posible realizar lecturas de xenomas en cuestión de días, o que facilita a investigación na prevención de doenzas graves comúns e tamén de enfermidades raras, empregando para ilo grandes cantidades de datos.

“A través deste acordo melloramos os procesos utilizados en proxectos biomédicos dentro do seu análise do xenoma humano”, explicou Conde. Deste xeito, co acceso aos recursos de computación do Cesga supéranse as posibilidades de almacenaxe e tratamento de datos do Hospital Clínico Universitario, no que reside a Fundación dirixida polo doutor Ángel Carracedo, configurando un sistema que permite tratar inxentes cantidades de información co fin de avanzar na investigación de enfermidades.

Este acordo complementa ao asinado anualmente coa propia Fundación, que se enmarca no mesmo campo da utrasecuenciación do ADN, e que ten permitido a automatización dos protocolos desenvolvidos na materia. Non en van, nos últimos catro anos a Consellería de Economía e Industria leva aportado máis de 400.000 euros para apoiar o labor desta Fundación, posibilitando ademais a contratación de persoal investigador. Sobre esta base, Conde resaltou o papel da Fundación para acadar “importantes avances no ámbito da saúde”, así como a súa contribución ao “posicionamento da ciencia galega no mundo”.

Neste contexto, a conselleira de Sanidade destacou o papel da Fundación como “un dos servizos de Xenética clínica do país con maior volume e variedade de diagnósticos moleculares de enfermidades xenéticas, cun grupo de investigación de maior produción científica no sector a nivel mundial, con máis do 50% de toda a produción científica de España no campo forense”.

Mosquera subliñou que “este organismo, que presta servizos de xenética clínica a todos os hospitais do Sergas, traballa en liñas de investigación como a xenética de enfermidades neurolóxicas e psiquiátricas, xenética doutras enfermidades raras, cancro hereditario, xenética de poboacións e xenética de enfermidades complexas e forense, así como métodos e estratexias de diagnóstico molecular de enfermidades xenéticas e xenética forense”, rematou.

A innovación como eixo para acadar o crecemento

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, subliñou tamén o importante papel do convenio asinado hoxe dentro do ámbito da investigación, que permite “poñer en valor o coñecemento que se produce na Comunidade”. “A través de actuacións como esta reiteramos a nosa aposta pola investigación, a innovación e a cooperación como “un dos eixos fundamentais para acadar o crecemento e a creación de emprego”, destacou.

Neste sentido, Conde recordou que o Goberno galego ten posto en marcha a nova Axencia Galega da Innovación “para impulsar o talento innovador”, ou está a desenvolver a nova Lei de Innovación, que “aspira a incrementar o investimento público en I+D+i ata acadar o 1,2% do PIB nos próximos catro anos”.

Ademais, e para que ningún proxecto innovador quede sen executar, articúlanse “os mecanismos necesarios para achegar financiamento” a través de programas como o E2i ou a nova convocatoria do Innterconecta, que mobilizará 150 millóns de euros.

“E todo ilo sen esquecer a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS 3)”, destacou Conde. Unha estratexia para cuxo desenvolvemento a Comunidade contará con 1.200 millóns de euros cos que aspira a “optimizar as políticas públicas e privadas de innovación xerando crecemento socioeconómico”.