Economía impulsa as estratexias para investir 1.200M€ de fondos europeos en innovación, pemes e eficiencia enerxética

2013-02-26
  • A cifra supón o 60% dos máis dos 2.000 millóns que recibirá Galicia co obxectivo de consolidar investimentos e lograr unha converxencia real co resto de Europa
  • O conselleiro Francisco Conde participou no primeiro encontro cos Axentes do Sistema Galego de Innovación para, dentro deste ámbito, deseñar a Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3, requisito para acceder aos fondos estruturais europeos 2014-2020
  • O fin é acadar, por medio da colaboración da Axencia Galega de Innovación e o resto de axentes, unha visión consensuada sobre as prioridades da innovación galega

A Consellería de Economía e Industria impulsa as estratexias destinadas ao investimento de 1.200 millóns de fondos estruturais europeos en proxectos de innovación, mellora competitiva das pemes e eficiencia enerxética, de cara ao período 2014-2020. Esta cifra supón o 60% dos máis de 2.000 millóns de euros que recibirá Galicia co obxectivo de consolidar investimentos en distintos ámbitos e lograr unha converxencia real co resto de Europa. Dentro das actuacións que teñen que ver coa innovación, o conselleiro de Economía e Industria participou hoxe na primeira xornada de traballo para deseñar a Estratexia de Especialización Intelixente para Galicia- RIS3, que contará coa participación dos axentes do Sistema Galego de Innovación.

A presentación a mediados de ano desta estratexia ante a Unión Europea é un requisito previo e necesario para garantir a continuidade dos fondos estruturais durante os próximos sete anos, polo que o titular deste departamento, Francisco Conde, cualificou a reunión de traballo de hoxe con empresas, clústers, universidades e centros tecnolóxicos de “estratéxica para o futuro da I+D+i galega”.

Conde explicoulles aos asistentes á reunión, celebrada en Santiago, que a Unión Europea decidiu fundamentar as súas políticas de cohesión para os vindeiros sete anos nas chamadas estratexias de especialización intelixente, tamén coñecidas como RIS3. Todas as rexións deben establecer e comunicar as súas estratexias como requisito previo e necesario para poder acceder aos recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Neste contexto, a Axencia Galega de Innovación é o organismo designado pola Xunta para coordinar o proceso de elaboración da estratexia para Galicia. Ademais de xestionar as achegas de todos os departamentos da administración galega a este proceso, fixouse como obxectivo canalizar a participación dos demais axentes do Sistema de I+D+i para garantir que a estratexia sexa froito do consenso. “Administración, empresas e centros de coñecemento deben buscar unha visión conxunta que nos permita identificar con claridade as potencialidades existentes e as oportunidades competitivas reais de Galicia no contexto mundial”, sinalou Conde durante o seu encontro cos máis de cen representantes do Sistema.

O traballo que se está a realizar consiste en elaborar un plan no que se identifiquen claramente os sectores e os ámbitos de especialización con maior potencial innovador e de crecemento de Galicia. Estas prioridades serán as que guíen o investimento estrutural da UE na comunidade a partir do ano que vén, o que implica que se definan de antemán os ámbitos de financiamento e non a posteriori, como ata agora. A importancia desta tarefa xustifica, segundo destacou o conselleiro de Economía e Industria, que a Xunta considere “non só recomendable senón imprescindible que os axentes do Sistema de I+D+i se impliquen e se comprometan nela”.

Conde expuxo que o reto é moi importante e esixe un gran esforzo para cumprir o prazo de remate da estratexia a mediados de ano, pero destacou que os beneficios para Galicia excederán a posibilidade de seguir optando a fondos estruturais europeos. “Este traballo culminará nunha folla de ruta compartida por todos os axentes do Sistema Galego de Innovación con prioridades claras baseadas no coñecemento experto que se deriva da práctica diaria e da experiencia”, asegurou.

“As universidades e os centros tecnolóxicos son os nosos maiores ámbitos de coñecemento e as empresas teñen a misión de converter ese coñecemento en competitividade levando os resultados da investigación ao mercado transformados en innovación”, sinalou Conde para insistir no papel protagonista destes axentes no futuro de Galicia.

A Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia deberá identificar claramente un número limitado de prioridades ligadas ás fortalezas da comunidade para garantir unha especialización económica competitiva no contexto internacional, o que implica concentrar esforzos tanto públicos coma privados en áreas prometedoras.

O punto de partida é un diagnóstico elaborado pola Xunta durante os últimos meses nos que se identificaron tres ámbitos sectoriais e dous tecnolóxicos que destacan por ser os máis intensivos en coñecemento e competitivos internacionalmente. Tomando esta información como base, organizáronse cinco grupos de traballo que hoxe comezaron a súa tarefa en sesións intensivas. Desde o punto de vista dos sectores, os grupos son saúde, benestar e vida; alimentación, agricultura, pesca e biotecnoloxía; e enerxía, medio ambiente e servizos. Polo que respecta ás tecnoloxías facilitadoras que se identificaron como instrumentos de desenvolvemento das áreas sectoriais organizáronse outras dúas mesas: tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC) e nanotecnoloxías, materiais e tecnoloxías da produción.

O traballo destes grupos será completado posteriormente coas propostas achegadas pola cidadanía grazas a un proceso de consultas que a Xunta abrirá proximamente. O obxectivo final será definir, con data límite xuño de 2013, proxectos, iniciativas e actuacións moi concretas nas áreas de especialización que se decidan conxuntamente.