Feijóo avanza a posta en marcha do programa Interconecta II dotado con 75 millóns e que permitirá mobilizar 150 millóns para proxectos de innovación, centros tecnolóxicos e empresas que innovan

2013-02-20
  • Resalta que os 60 millóns que mobilizou o Interconecta I sumados aos 150 millóns de euros do Interconecta II, supoñen máis de 210 millóns en innovación para os sectores produtivos da nosa economía
  • Afirma que Galicia é unha das poucas comunidades que ten estes fondos porque somos capaces de cofinanciarnos; “e somos capaces diso porque temos solvencia nas nosas contas públicas”
  • Destaca que Galicia está cumprindo a Estratexia Estatal de Innovación, cun compromiso co Ministerio dun préstamo de 35 millóns, dos que no ano 2013 mobilizaranse 8 millóns para manter e ampliar o potencial investigador que temos na comunidade
  • Asegura que a Comunidade galega seguirá apostando pola innovación como un dos piares básicos para recuperar o crecemento económico

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, este mediodía, a posta en marcha da convocatoria do Programa Interconecta II, dotado con 75 millóns de euros de fondos públicos, e que permitirá unha mobilización de 150 millóns que irán destinados a centros tecnolóxicos, ás empresas que innovan e aos proxectos de innovación que teñan base operativa e base para a mellora da competitividade da nosa economía, obxectivo fundamental da innovación e da investigación.

Durante unha visita ao centro de aplicacións láser do Centro Tecnolóxico AIMEN, Feijóo destacou que estes 150 millóns de euros, sumados aos 60 millóns que mobilizou o Interconecta I, supoñen máis de 210 millóns en innovación para os sectores produtivos da nosa economía. “Estamos a falar –dixo- dunha bafarada de osíxeno nos grandes proxectos de innovación que temos en Galicia, para os sectores produtivos e para as nosas empresas”.

Logo de precisar que a convocatoria do Interconecta II sairá publicada, o vindeiro venres, no Boletín Oficial do Estado, o titular da Xunta quixo destacar a presenza da secretaria de Estado de Innovación, Carmen Vela, e transmitiu o agradecemento de que Galicia sexa unha das poucas comunidades que ten estes fondos; “porque somos capaces –asegurou- de cofinanciarnos. E somos capaces diso porque temos solvencia nas nosas contas públicas”.

Nun momento de recursos minguantes, Feijóo subliñou que Galicia aposta pola innovación e inviste máis en innovación que nas lexislaturas de maior capacidade económica. E incidiu en que a razón de que a Comunidade galega consiga máis fondos atópase na súa solvencia. “A solvencia da comunidade non é unha estatística, é un aval que ten dous efectos: que o Goberno de España confíe o presuposto do que dispón nas comunidades solventes; e as comunidades solventes podemos cofinanciar os presupostos que o Goberno central pon a disposición das comunidades”.

O responsable do Executivo galego amosouse convencido de que Galicia seguirá apostando pola innovación como un dos piares básicos para recuperar o crecemento económico. “Así o estamos facendo –dixo- cumprindo a Estratexia Estatal de Innovación, cun compromiso co Ministerio dun préstamo de 35 millóns de euros, dos que no ano 2013 imos mobilizar 8 millóns para manter o potencial investigador que temos en Galicia e para ampliar o potencial investigador en aqueles proxectos que traian innovación”.

Feijóo concluíu a súa intervención insistindo en que Galicia asumiu a innovación como un dos piares da nosa economía: “fixémolo cun esforzo de planificación, co Plan I2C e a creación da Axencia de Innovación, que é o único interlocutor que ten a administración autonómica para coas empresas, os centros tecnolóxicos, as universidades, o Ministerio e con Europa. Fixemos un importante esforzo en recursos humanos para manter o talento na comunidade. E fixemos un esforzo en recursos materiais, incrementando, nun momento de dificultade, a nosa aposta pola innovación nun 45%; e con exemplos concretos, apostando polo Centro de Aplicacións Láser de AIMEN, cunha inversión de 1,5 millóns para o equipamento, ademais dos 4 millóns que supuxo a construción do centro”.