Manuel Varela Rey toma posesión como novo director da Axencia Galega de Innovación

2013-01-14
  • O conselleiro de Economía e Industria destaca entre as primeiras actuacións que terá que afrontar o desenvolvemento da Estratexia e2i para Galicia, a activación da segunda convocatoria do Innterconecta ou a aprobación da Lei de Innovación
  • Na súa experiencia á fronte da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública Varela Rey participou na posta en marcha de importantes proxectos de I+D+i como Hospital 2050 e Innova Saúde

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presidiu hoxe a toma de posesión de Manuel Antonio Varela Rey como novo director da Axencia Galega de Innovación (GAIN). No acto Conde sinalou a innovación como unha das claves da recuperación económica, e destacou como principal meta do novo mandato “mellorar a competitividade do tecido empresarial e industrial galego por medio da posta en marcha de estratexias innovadoras”.

Para iso, entre as tarefas que terá que levar a cabo Varela Rey, a quen corresponde agora a posta en valor da GAIN, están o desenvolvemento da Estratexia Estatal de Innovación para Galicia, e2i, que suporá unha achega de 35 millóns de euros; ou a activación da segunda convocatoria do programa Innterconecta, cun orzamento de 75 millóns e que permitirá acadar ao cen por cen o aproveitamento do Fondo Tecnolóxico.

A aprobación e entrada en vigor da nova Lei de Innovación e o posicionamento da I+D+i galega no eido nacional e internacional, promovendo ámbitos de colaboración a nivel europeo, foron apuntados tamén por Francisco Conde entre os principais cometidos do novo director da Axencia Galega de Innovación.

Na súa intervención o conselleiro de Economía e Industria agradeceu o labor desempeñado polo anterior director da GAIN, Ricardo Capilla. Con respecto á traxectoria de Varela Rey á fronte da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Francisco Conde subliñou a súa participación en importantes proxectos de I+D+i como Hospital 2050 e Innova Saúde, en colaboración coa Consellería de Economía e Industria dentro do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C). Salientou ademais o conselleiro que estas liñas de colaboración e cooperación entre consellerías se manterán ao longo desta lexislatura.

Manuel Varela Rey é enxeñeiro industrial mecánico, e ademais da súa experiencia na Administración pública, conta cunha ampla traxectoria na empresa privada, onde desempeñou tamén postos relacionados coa I+D+i.