Economía e Industria aposta polo éxito de Galiciencia para divulgar a importancia da ciencia no desenvolvemento de Galicia

2012-11-22
  • Máis de 2.200 persoas visitarán a ‘Galiciencia’, recoñecida entre as 20 actividades de referencia da Semana da Ciencia en España
  • A iniciativa conta co respaldo da Consellería de Economía e Industria e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, que a inclúe entre as 20 actividades de referencia da Semana da Ciencia en España
  • Neste evento presentouse o libro do neurocientífico Xurxo Mariño: “Dos quarks á próxima extinción. Unha viaxe fascinante pola historia do Universo e a vida”, un traballo que ten sido editado co apoio da Consellería de Economía e Industria

Un chicle que alimenta formulado por estudantes de Ourense; un coche eléctrico completo e un semáforo intelixente que favorece aos peóns cando chove, deseñado por alumnos de Santiago de Compostela; unha cociña solar low cost para países subdesenvolvidos, construída por rapaces de Vigo; e un identificador de matrículas de coches de última xeración, creado por estudantes de Lugo. Estes son só algúns dos 50 enxeños e proxectos de investigación procedentes das catro provincias galegas que os estudantes de Secundaria e FP participantes na ‘Galiciencia’ comezaron a mostrar hoxe ao público desde os seus stands na Tecnópole – Parque Tecnolóxico de Galicia.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria está a apoiar unha nova edición de Galiciencia co obxectivo de divulgar a importancia da ciencia no desenvolvemento social e económico de Galicia. Arredor de 2.200 escolares visitarán entre hoxe e o vindeiro venres a maior feira científica de Galicia, aos que cómpre sumar os asistentes que se achegarán pola súa conta, principalmente familias en horario de tarde, dado que o evento é de entrada libre.

O 20 aniversario da Tecnópole

Ademais, neste ano no que a Tecnópole celebra o seu 20 aniversario, estase a entregar un exemplar do libro “Dos quarks á proxima extinción. Unha viaxe fascinante pola historia do Universo e a vida”. A obra, editada pola Xunta de Galicia, foi presentada esta mañá polo seu autor, Pedro José Cascajosa, e o seu editor científico, Xurxo Mariño. Trátase dun relato que pretende dar resposta a unha das grandes cuestións asociadas á nosa existencia: de onde vimos e a onde imos?

Proxectos de Galiciencia

Galiciencia, que conta tamén co respaldo da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), é unha das 20 actividades de referencia da Semana da Ciencia en España. Entre os 20 proxectos expostos inclúense un simulador de tornados e unha bolsa térmica con illantes naturais (arroz, cacahuetes, etc.), e preséntanse tamén multitude de estudos e proxectos científicos sobre áreas de coñecemento moi variadas.
A alimentación é un dos temas estrela este ano. Alumnos de Ourense realizaron un estudo sobre os aditivos alimentarios e buscaron fórmulas para substituír os químicos por outros máis naturais, coa proposta de usar o extracto de remolacha como substituto do colorante vermello E-122. Outro equipo de estudantes viguesas confirmou mediante varios experimentos que a recomendación de lavar a froita antes de comela é non só necesaria, senón máis importante do que podemos pensar.

A proposta de sistemas enerxéticos máis sostibles e ecolóxicos volveu ser o tema central de varios dos proxectos. Ao sistema de vivenda bioclimática desenvolvido por alumnos de Narón (A Coruña) súmanse o climatizador de baixo custo enerxético de estudantes ourensáns e un biorreactor para cultivo de microalgas e produción de biodiésel dun dos equipos de Vigo.

A busca de solucións para problemas moi preocupantes coma a recuperación dos solos queimados nos incendios ou a sequía concentran as propostas de varios equipos. Ademais dun desalinizador solar de auga, preséntase un interesante experimento sobre a utilidade dalgúns minerais capaces de almacenar substancias nutritivas para as plantas en cultivos de zonas áridas. Foron estudantes das Aulas Tecnópole os que buscaron un método para acelerar a recuperación de solos queimados.

A conciencia solidaria dos participantes queda clara tamén a través de proxectos coma o do quentador solar de auga ou outros dous relativos á construción de cociñas e fornos solares, pensados por estudantes de Vigo e de Narón (A Coruña) para ofrecer solucións enerxéticas de baixo custo aos habitantes de países subdesenvolvidos.A investigación sociolóxica ten tamén o seu oco na ‘Galiciencia’. Un dos equipos de Barcelona reflexiona sobre a agresividade e outro das Aulas Tecnópole sacaron conclusións sobre a distribución de redes wifi nunha poboación.

Por outra banda, esta mañá arrancaron tamén todas as actividades paralelas á exposición de proxectos, que inclúen un taller conmemorativo do Ano Internacional da Enerxía Sustentable para Todos; e outro sobre a figura do químico Antonio Casares, homenaxeado este ano no Día do Científico Galego, así como un stand propio da Fundación Barié que organizará “O gran xogo da ciencia. Tamén se imparte un obradoiro dedicado ao cerebro e outro sobre a relación entre o cine e a ciencia. As actividades complétanse cun planetario móbil e un taller de xornalismo científico que terá como resultado a edición da revista oficial da ‘Galiciencia’.