A Xunta e o Ministerio de Economía e Competitividade investirán 10 millóns de euros no incremento da competitividade dos centros tecnolóxicos de referencia ANFACO e AIMEN

2012-10-18
  • A maior parte do investimento procederá de fondos FEDER, co obxectivo de aumentar a competitividade do Sistema galego de innovación
  • A construción do novo centro de tecnoloxías avanzadas de investigación para a industria mariña e alimentaria de ANFACO dotarase con 8,45 millóns de euros
  • O equipamento do que será o maior centro de aplicacións láser de España, promovido por AIMEN, percibirá 1,62 millóns de euros

A Xunta de Galicia aprobou na reunión do Consello desta mañá o investimento de 10 millóns de euros nos centros tecnolóxicos ANFACO e AIMEN, entidades de referencia en I+D+i nos sectores da conserva e da metalurxia, respectivamente. A maior parte desta contía, cerca do 80%, procederá de fondos FEDER –xestionados polo Goberno central- destinados a aumentar a competitividade do Sistema galego de innovación.

Estes futuros investimentos, obxecto de senllos convenios co Goberno central que se atopan na súa última fase de tramitación, responden ao cumprimento por parte de ambos os dous centros dos criterios de eficiencia e excelencia establecidos pola Consellería de Economía e Industria no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) como requisitos indispensables para percibir novas dotacións económicas.

O maior investimento correspóndelle á construción por parte de ANFACO dun novo centro de tecnoloxías avanzadas de investigación para a industria mariña e alimentaria e o seu equipamento. Con este fin destinaranse 8,45 millóns de euros, dos cales 6,7 proceden de fondos FEDER.

A aposta da Xunta pola iniciativa de ANFACO responde á necesidade de contar cunha infraestrutura punteira para poder abordar proxectos de innovación tecnolóxica que acheguen solucións ás crecentes demandas e necesidades da industria mariña e alimentaria en materia de I+D+i. O centro tecnolóxico situado en Vigo busca mellorar así as súas capacidades para facer fronte aos novos retos do mercado e que a industria galega deste sector, líder en España, non perda competitividade.

Para manter e mesmo mellorar o seu nivel de competitividade os centros están a centrarse co apoio da Administración pública, en ofrecer un maior valor engadido nos seus produtos mediante unha aposta pola diferenciación e a optimización da calidade que só é posible conseguir a través da I+D+i. O novo centro promovido por ANFACO pretende dar resposta a estas exixencias, logrando un maior desenvolvemento tecnolóxico enfocado sobre todo á produción de alimentos cunha relación cada vez máis sofisticada coa saúde e a aplicación de tecnoloxías emerxentes aos procesos de fabricación (nanotecnoloxía, envases activos etc.) que posibiliten o lanzamento de produtos cunha maior e mellor vida no mercado.

A Xunta considera que o incremento da capacidade científico-tecnolóxica de ANFACO terá unha repercusión directa nos resultados económicos das empresas galegas da industria alimentaria e, en consecuencia, no desenvolvemento das zonas onde esta actividade é o motor da súa economía.

Equipamento do centro de aplicacións láser

O outro investimento aprobado hoxe polo Goberno galego ascende a 1,62 millóns de euros (1,29 procedentes dos FEDER) para o equipamento do que será o maior centro de aplicacións láser de España, promovido por AIMEN e que entrará en funcionamento a finais deste ano na localidade pontevedresa do Porriño. A construción desta nova infraestrutura foi xa obxecto dun investimento de 10 millóns de euros procedentes da Xunta de Galicia, do Goberno central e da UE.

Esta nova instalación permitiralle a AIMEN incrementar a súa capacidade tecnolóxica, xa moi ampla na actualidade cunha media de cen proxectos executados por ano, moitos deles de carácter internacional, coma os 16 europeos que desenvolve na actualidade.

A misión do centro de aplicacións láser será promover e executar proxectos relacionados co desenvolvemento da tecnoloxía láser no procesamento dos materiais tanto metálicos como non metálicos, tales como téxtiles, plásticos, caucho, cerámica, vidro, composites e novos materiais. O obxectivo destas tarefas será o impulso da innovación no ámbito das aplicacións láser para achegar solucións tecnolóxicas que melloren a competitividade de sectores industriais estratéxicos para a economía de Galicia, como a automoción, a construción, o naval, a fabricación de bens de equipo, o metal-mecánico, o aeronáutico, o petroquímico, o siderúrxico e o téxtil; e tamén de subsectores de especial relevancia na comunidade como son o da obtención e transformación do aluminio, o eólico ou o da transformación do plástico.

A soldadura por láser ten tales expectativas de crecemento que, segundo o Observatorio de Prospectiva Tecnolóxica e Industrial (OPTI), no ano 2014 polo menos o 50% dos procesos convencionais de soldadura de metais será por láser.