A Xunta impulsa a posta en marcha de actuacións estratéxicas de I+D+i por 35 millóns de euros coas que se aspira a crear máis de 300 empresas innovadoras

2012-10-11
  • O Consello da Xunta aprobou un convenio co Ministerio de Economía e Competitividade que ten como obxectivo estimular o investimento en innovación
  • A través das accións incluídas no acordo, no marco da Estratexia Española de innovación (e2i), prevese ademais a mobilización de 42,5 millóns de euros de investimento privado en I+D+i
  • Esta colaboración permitirá continuar avanzando no Plan galego de innovación, investigación e cremento (i2C), priorizando a valorización do oñecemento, a xestión profesional da innovación ou o acceso ao financiamento internacional

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (AGI), e o Ministerio de Economía e Competitividade colaborarán na posta en marcha de actuacións estratéxicas no eido da I+D+i por valor de 35 millóns de euros durante os próximos dous anos.

Será grazas a un convenio co Ministerio de Economía e Competitividade que autorizou o Consello da Xunta e mediante o cal o Goberno central facilitará o financiamento de iniciativas encamiñadas a conseguir os obxectivos fixados para Galicia dentro da Estratexia estatal de innovación (e2i).

Dentro desta estratexia, marcáronse unha serie de retos para 2015 cuantificados para Galicia na creación de máis de 300 empresas innovadoras e emprego en alta e media tecnoloxía, a mobilización de 42,5 millóns de euros adicionais de investimento privado en I+D+i e un retorno de 11,8 millóns en concepto de fondos europeos.

As actuacións, que desenvolverá a Axencia Galega de Innovación no marco desta colaboración, teñen como prazo de execución ata decembro de 2014 e enmárcanse no fomento da innovación en Galicia, con atención prioritaria ao impulso da internacionalización dos axentes do coñecemento -en especial no contexto do Espazo Europeo de Investigación, á mellora da transferencia tecnolóxica ao sector empresarial e ao fomento da difusión da ciencia e da tecnoloxía.

Valorización do coñecemento

A primeira das actuacións que se van financiar é a posta en marcha de contratosprograma para a consolidación de centros de coñecemento galegos, concretamente centros tecnolóxicos, centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia e organismos da Plataforma de Innovación Sanitaria.

Esta liña de actuación, á cal a través do convenio se destinan 12 millóns de euros, instrumentarase mediante unha convocatoria pública competitiva na cal se priorizarán as propostas con maior capacidade de valorización do coñecemento a través da transferencia tecnolóxica, isto é, a investigación colaborativa entre estes centros e empresas, particularmente pemes.

Prevese tamén no eido da valorización do coñecemento unha liña de actuación dirixida á homologación de axentes expertos en mercados e no deseño de modelos de negocio, co obxectivo de que contribúan activamente á creación de empresas innovadoras de base tecnolóxica (EBT) a partir de resultados de investigación xerados en centros do Sistema Galego de I+D.

Talento investigador

En relación directa cos grupos de investigación, apoiarase a consolidación de persoal e a adquisición de equipamento naqueles grupos que acrediten potencial para competir a nivel internacional e transferir resultados á empresa. Mediante unha convocatoria competitiva, os grupos das universidades, dos centros tecnolóxicos e dos centros de investigación do CSIC e do Servizo Galego de Saúde (Sergas) poderán optar a axudas demostrando unha elevada produción científica, de patentes, de spin-off e de contratos con empresas.

Estes mesmos axentes poderanse beneficiar tamén da posta en marcha dun programa para a captación de investigadores sénior de primeiro nivel, que será cofinanciado pola Unión Europea e ao que se destinarán ata cinco millóns de euros do convenio. Esta actuación de apoio ao talento investigador, que poderá servir como marco para a recuperación de científicos galegos que traballan no estranxeiro, será obxecto dunha
convocatoria internacional que permitirá a selección e incorporación destes investigadores nos centros de coñecemento galegos mediante convenios de colaboración entre estes e a Axencia Galega de Innovación. Estes acordos permitirán non só cubrir os custos salariais dos investigadores senón tamén o equipamento básico asociado ao proxecto de investigación aplicada que veñen levar a cabo.

Xestión da innovación

Por outra parte, porase en marcha un Centro de Excelencia e Crecemento Empresarial vinculado á Axencia Galega de Innovación e entendido como un foro colectivo de boas prácticas na xestión da innovación empresarial. O centro organizará actividades de formación, networking, coaching e difusión de boas prácticas nos eidos da valorización do coñecemento, da innovación, da internacionalización e do reforzamento das
capacidades financeiras e de xestión. Os destinatarios serán directivos de pequenas e medianas empresas galegas seleccionadas a través dunha convocatoria pública polo seu potencial de crecemento baseado no coñecemento científico-tecnolóxico a través de procesos colaborativos de innovación aberta. Ademais a Xunta garante con este convenio a continuidade do programa Rede de xestores de innovación de Galicia (XIGA), iniciado como experiencia piloto en 2010 para formar e incorporar expertos xestores da innovación en pemes galegas. Formaranse 60 profesionais para capacitalos nesta especialidade, xestionarase a súa incorporación noutras tantas empresas galegas e habilitaranse fórmulas de traballo en rede entre os beneficiarios do programa.

Captación de fondos internacionais

Outra das actuacións que se porán en marcha por medio da e2i diríxese á dinamización do Fondo Tecnolóxico Europeo, con medidas específicas deseñadas para acelerar o seu aproveitamento.

Así, destinaranse 4 millóns de euros a un Programa de bonos tecnolóxicos para axentes intermedios (centros tecnolóxicos, clústers e asociacións) capaces de xerar e promover proxectos susceptibles de recibir financiamento do Fondo Tecnolóxico e de preparar as propostas para presentar á convocatoria. Ademais, a cargo desta cantidade completarase o financiamento de proxectos de carácter singular que consigan o compromiso de investimento por parte do Fondo, tendo en conta que este cobre ata o 70% do custo total dos proxectos, e que queda o 30% restante a cargo do beneficiario, coa posibilidade, neste caso, de que sexa asumido pola Xunta de Galicia.

Impulso ao i2C

As actuacións incluídas no convenio enmárcanse no Plan galego de innovación, investigación e crecemento (i2C). Este plan posto en marcha pola Xunta, e que está enfocado a estimular e impulsar a innovación empresarial, especialmente a través do fomento dunha maior implicación e dun maior investimento das empresas galegas, que deben ver a innovación como un factor de crecemento, permitiu a posta en marcha de
programas como o Innterconecta.

Esta iniciativa puxo en marcha na súa primeira edición 26 proxectos, todos eles en áreas de actividade estratéxicas para Galicia e cun gran potencial comercial e de creación de emprego, que implican un total de 106 empresas galegas e permiten a mobilización de máis de 60 millóns de euros.