Javier Guerra destaca o esforzo competitivo do sector da automoción galego a prol da mellora continua da calidade e máis da innovación

2012-09-19
  • O conselleiro de Economía e Industria mantivo un encontro cos responsables da empresa Viza Automoción, de Porriño, unha compañía que emprega en Galicia a máis de 400 traballadores
  • Javier Guerra destacou a aposta desta compañía a prol de internacionalización para asegurar o presente e impulsar o futuro desta empresa que traballa para as marcas máis importantes de automóbiles

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe o esforzo competitivo que está a facer a industria de compoñentes da automoción galega a prol da mellora continua da calidade, a través da innovación, co obxectivo de competir nos mercados internacionais e dar o mellor servizo posible ao sector da automoción en Galicia.

O conselleiro fixo estas declaracións un encontro cos responsables de Viza Automoción no polígono das Gándaras, en O Porriño, para coñecer os procesos que converten a esta compañía nunha firma líder en fabricación de armaduras para asentos de automóbiles; contando con clientes na maioría dos fabricantes de vehículos que operan en Europa, desde Citroen e Peugeot a Toyota, de Volkswagen a Audi, Renault ou Porsche.

Javier Guerra salientou o compromiso de Viza Automoción con Galicia, onde emprega a máis de 400 traballadores, xunto coa súa aposta pola calidade, pola constante mellora da competitividade e a internacionalización. Estratexias de actuación que está a defender o Goberno da Xunta, apoiando a incorporación da innovación aos procesos e produtos empresariais e procurando facer accesibles os mercados internacionais ás pemes.

Neste sentido, Javier Guerra destacou o apoio da Xunta de Galicia a esta estratexia competitiva da automoción galega, con axudas que nos últimos meses facilitaron unha mobilización de investimentos de máis de 65 millóns de euros e o mantemento de máis de 1.600 empregos.

Segundo Javier Guerra, esta empresa, que conta cunha facturación que rolda os 100 millóns de euros, amosa os resultados dun modelo empresarial realmente positivo, que aposta en firme polo traballo en Galicia e que aproveita os beneficios do labor en colaboración mediante a implicación no clúster sectorial Ceaga para garantir a súa excelencia competitiva, o que lle permite competir con solvencia nos mercados internacionais.

O Conselleiro de Economía e Industria manifestou que o Goberno galego está a apoiar as empresas que como Viza Automoción apostan por medrar e mellorar desde Galicia, coa mirada aberta aos mercados internacionais. Neste sentido, Guerra salientou que o sector da automoción no seu conxunto, e especialmente na área de Vigo, está a actuar como un polo de desenvolvemento de especial relevancia para a Comunidade e un referente a nivel nacional e internacional.