Economía e Industria apoia a innovación empresarial coa concesión de máis de 200 axudas que supoñen a mobilización de preto de 30 millóns de euros

2012-09-10
  • O investimento público ascende a case 10 millóns de euros, destinados a cofinanciar 117 proxectos empresariais de innovación tecnolóxica, así como a preparación de propostas a convocatorias estatais e internacionais, o desenvolvemento das plataformas tecnolóxicas galegas e o financiamento de recursos específicos para impulsar a actividade innovadora das empresas
  • O 85% das empresas beneficiarias son pemes interesadas en mellorar a súa capacidade competitiva a través de iniciativas innovadoras
  • As axudas serán xestionadas por primeira vez pola Axencia Galega de Innovación, creada o pasado mes de abril por iniciativa da Consellería de Economía e Industria

A Consellería de Economía e Industria informou no Consello da Xunta de Galicia, no marco do Plan Galego de Investigacion, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015, da concesión de 203 axudas para o fomento da innovación en Galicia, que suporán a mobilización total de preto de 30 millóns de euros grazas ao investimento público de case 10 millóns.

Estas subvencións, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), foron adxudicadas ao abeiro do Programa de apoio ao crecemento empresarial (ACE) e do Programa de investimentos innovadores para o crecemento empresarial (IICE). As axudas serán executadas pola Axencia Galega de Innovación e estarán centradas en fomentar a I+D+i empresarial e incentivar os investimentos innovadores, especialmente entre as pemes, que representan o 85% das empresas beneficiarias destes apoios.

A maior partida económica correspóndelle ao Programa de apoio ao crecemento empresarial mediante o fomento da investigación e a innovación empresarial (ACE), que adxudica axudas por un total de 6,6 millóns de euros. Dentro deste programa, o núcleo central son os apoios a empresas para levar a cabo proxectos individuais e colaborativos de innovación tecnolóxica en materia de proceso ou produto, loxística e xestión. Estas aglutinan 117 proxectos, 113 deles levados a cabo por pemes.

Estas axudas teñen como fin incrementar a competitividade das empresas galegas industriais e de servizos mediante o estímulo da innovación en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos da empresa. As innovacións foron seleccionadas por acreditar unha novidade ou mellora substancial con respecto ao xa existente no seu ámbito e comportar un grao evidente de risco. Nos proxectos presentados as axudas acadan o 35% do custo subvencionable para pequenas empresas e o 25% para empresas medianas. Nos presentados por grandes empresas, limítanse ao 15% do custo subvencionable.

Convocatorias estatais e internacionais

Este mesmo programa (ACE) complétase con axudas para a preparación de propostas de proxectos para presentar en convocatorias de I+D+i estatais e internacionais, concedidas a 44 empresas (36 delas pemes). As solicitudes que se van presentar grazas a estas subvencións correspóndense con 16 proxectos internacionais e 28 nacionais, todos eles de carácter colaborativo entre diferentes axentes do sistema galego de innovación. As subvencións cubrirán a presentación de propostas de proxectos de I+D a programas do Plan Nacional, así como de solicitudes a programas internacionais, en particular o VII Programa Cadro, o Programa CIP e os proxectos bilaterais e multilaterais do Centro de Desarrollo Tecnolóxico Industrial (CDTI), que serán en todos os casos desenvolvidos principalmente no ámbito territorial de Galicia.

Axudas a clusters e centros tecnolóxicos

Ademais, por medio do programa ACE, destináronse axudas aos centros tecnolóxicos e clusters empresariais para o desenvolvemento das plataformas tecnolóxicas existentes en Galicia. Por medio desta liña, promoverase o desenvolvemento de 13 plataformas con base en proxectos de cooperación no marco da axenda estratéxica de investigación definida por cada unha delas. Estes proxectos supoñen a participación en programas estatais e internacionais de I+D+I por parte das empresas e doutras entidades adheridas a estas plataformas.

Mellorar a competitividade das pemes

A mellora competitiva das empresas, especialmente das pemes mediante o incremento da súa capacidade tecnolóxica e innovadora, é tamén obxecto destas axudas, ao amparo do Programa de Investimentos Innovadores para o crecemento empresarial (IICE). Esta liña de apoio está destinada a facilitar o financiamento de recursos materiais específicos por parte das 29 empresas beneficiarias para desenvolver proxectos de innovación destinados a poñer no mercado novos ou mellorados produtos e servizos. As porcentaxes de subvencións van do 50% para as pequenas empresas, ao 30% no caso das cinco grandes.

As empresas seleccionadas céntranse na creación de novos centros produtivos e a ampliación dos xa existentes, coa finalidade de desenvolver novos produtos e procesos. Tamén na diversificación da produción de cara a atender mercados de produtos novos e na transformación fundamental de carácter innovador no proceso global de produción, así como na dotación de departamentos de I+D+I para ampliar a súa capacidade tecnolóxica e innovadora.

Todas estas axudas enmárcanse no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015 da Xunta de Galicia, en relación aos eixos estratéxicos de innovación como motor de crecemento empresarial e de valorización do coñecemento.