As empresas galegas poden solicitar ata este martes os servizos do programa Re-Acciona de Economía e Industria para mellorar a súa competitividade

2012-07-27

A primeira das convocatorias deste plan inclúe máis de 400 diagnósticos e servizos avanzados
O programa, dotado con 5 millóns de euros, está chamado a marcar un fito na evolución do Igape cara a prestación de servizos especializados e de alto valor para as empresas

As pequenas e medianas empresas galegas interesadas en procurar melloras da súa competitividade poden solicitar, ata o martes 31 de xullo, os diagnósticos integrais ou os servizos avanzados ofertados pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, no marco da primeira convocatoria do programa re-Acciona.

A primeira convocatoria aberta dentro deste programa, dotado con 5 millóns de euros para dous anos, oferta máis de 400 diagnósticos e servizos avanzados de competitividade. A posta en marcha desta iniciativa está a marcar un fito na reorientación do Igape cara a prestación de servizos especializados e de alto valor para as empresas.

Na implantación das melloras de competitividade nas empresas beneficiarias colaborarán ademais 100 novos titulados que están en proceso de selección e que terán a oportunidade de especializarse, tutelados por expertos, no proceso de implantación dos servizos avanzados nas empresas beneficiarias.

A elaboración dos diagnósticos, de carácter gratuíto para as empresas, ten como obxectivo determinar cal é a situación actual de cada peme nos procesos clave do negocio, para, dese xeito, reorientar e mellorar a súa estratexia e facilitar a incorporación de vantaxes competitivas que aseguren a súa consolidación no mercado.

Os servizos avanzados de competitividade, pola súa banda, terán un custo moi reducido para as pemes solicitantes e estarán focalizados nos principais aspectos asociados á xestión empresarial. A optimización financeira e a mellora do circulante, a profesionalización da produción, o relanzamento comercial ou a mellora de control de xestión e de proceso son algúns dos obxectivos dos servizos avanzados.

Noutros casos, e segundo as necesidades e demandas de cada peme, os servizos avanzados abordarán a identificación de redes de cooperación, o asesoramento para a redefinición do modelo de negocio ou a mellora da imaxe e a comunicación empresarial. Os servizos tamén poderán axudar aos empresarios e xestores na elaboración e desenvolvemento de plans de acción e plans de mellora empresarial, ou na elaboración de plans e protocolos para empresas familiares.

Logo de rematar o prazo de solicitude, o próximo 31 de xullo, a selección das empresas beneficiarias dos servizos avanzados farase valorando, entre outros criterios, o número de empregados da peme, a localización –con prioridade para as empresas das zonas con plans especiais de dinamización como son as provincias de Lugo e Ourense, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e a zona da Costa da Morte–, a existencia dun diagnóstico previo ou a integración da empresa solicitante dentro dun clúster constituído en Galicia.