Economía e Industria destaca que a transferencia dos resultados da investigación á empresa é clave para reforzar o tecido económico

2012-05-21

O director da Axencia Galega de Innovación sinala nunha xornada organizada pola USC que o traballo conxunto entre a universidade e o sector produtivo é fundamental para lograr unha maior competitividade

O Plan i2c da Xunta aposta por poñer en valor o coñecemento xerado polo Sistema Galego de Investigación e Innovación.

O director da Axencia Galega de Innovación, Ricardo Capilla, afirmou hoxe durante a apertura da Xornada sobre Valorización dos Resultados de Investigación, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), que a fórmula para saír da actual situación económica “non é outra que coñecemento convertido en competitividade e crecemento” e sinalou que na universidade reside unha parte fundamental dese coñecemento.

Capilla asegurou que para a Consellería de Economía e Industria é “unha satisfacción e tamén un motivo de tranquilidade” que a USC habilitase un fondo destinado á posta en valor dos resultados dos seus grupos e institutos de investigación e dedicase unha xornada co nivel da de hoxe a compartir coñecemento e coñecer as mellores prácticas neste ámbito.

“É fundamental que investigadores e empresas traballen xuntos para buscar solucións a problemas reais relacionados coa actividade produtiva”, expuxo o director da Axencia Galega de Innovación. Por iso, sinalou, o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015 do Goberno galego aposta pola posta en valor do coñecemento xerado polo Sistema Galego de Investigación e Innovación “como vía para crear emprego cualificado de maneira estable e situar a Galicia a un nivel competitivo non só en Europa senón na contorna global que configuran hoxe os mercados”.

Neste senso, Capilla destacou que a alta capacitación científica dos recursos humanos ligados ao Sistema Universitario Galego, xunto coa súa elevada e valiosa contribución ao proceso de xeración de coñecemento potencialmente innovador teñen que acompañarse da maior orientación posible do esforzo investigador ao mercado.

Eixo estratéxico específico
Para apoiar estes obxectivos, no Plan i2C hai un eixo estratéxico especificamente dedicado á valorización, que pretende sentar as bases para establecer unha nova concepción da excelencia investigadora, na que se introduce como elemento avaliador fundamental a transferencia de resultados e, polo tanto, a capacidade para orientalos ao mercado e que teñan a súa correspondente tradución en termos de competitividade.

Segundo Capilla, a valoración do papel concreto das universidades no conxunto do Sistema Galego de Innovación queda moi clara na distribución orzamentaria do i2C, no que un 35% dos seus recursos están destinados ás tres universidades galegas, cunha clara expectativa de impacto directo no sector produtivo a través dunha intensificación da cantidade e da calidade de transferencia de resultados á empresa.

Precisamente na valorización fundaméntase a que está a ser unha das primeiras iniciativas vinculadas directamente á nova Axencia Galega de Innovación: a creación do Rexistro de Axentes de Valorización da I+D+i, que terá como cometido apoiar a catalogación e o seguimento dos axentes galegos implicados na xeración, difusión e valorización de coñecemento.