Javier Guerra preside a constitución do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación “un órgano de xestión eficaz e rigoroso” no que participan todas as consellerías

2012-04-18

O conselleiro de Economía e Industria salientou que a Axencia propón “un modelo innovador de xestión da innovación”

Segundo Guerra “o obxectivo é maximizar a capacidade do sistema para xerar coñecemento innovador de xeito continuo”

Santiago de Compostela, 18 de abril 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presidiu hoxe a constitución do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación , como o seu principal órgano de goberno destinado a desenvolver un “modelo de xestión eficaz e rigorosa, cunha composición multidisciplinar na que participan todas as consellerías” da Xunta de Galicia.

Javier Guerra salientou que a Axencia Galega de Innovación propón “un modelo innovador de xestión da innovación, orientado a transformar o modelo produtivo” da Comunidade, co obxectivo de “maximizar a capacidade do sistema para xerar coñecemento innovador de xeito continuo”. A estrutura do Consello Reitor da AGI está pensada para maximizar a eficiencia na xestión da I+D+i e fomentar a capacidade de innovación e crecemento de Galicia e a súa constitución é un “fito fundamental na transformación que levará a cabo a Axencia”, explicou o conselleiro.

Este órgano ten sido constituído dun xeito transversal e reflicte a orientación multidisciplinar da innovación, plantexada na estratexia da Axencia. Ademais, do seu presidente, o conselleiro de Economía e Industria, e vicepresidente, o director da Axencia, este órgano está formado por dez vocais, un de cada consellería, e por un representante do Consello Galego de Universidades, á vez que tamén poderá contar coa colaboración de expertos. Neste sentido, Guerra apuntou que todas as consellerías do Executivo galego están implicadas no Consello Reitor porque “o desenvolvemento da estratexia do Plan i2C (Investigación, Innovación e Crecemento) é unha prioridade para todo o Goberno galego”.

As competencias deste Consello defíneno como un órgano de xestión orientado á eficacia, que entre outras funcións aprobará os obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos para medir o seu cumprimento, xunto co grao de eficiencia na xestión. Tamén aprobará as disposicións, plans e programas en materia de investigación, desenvolvemento e innovación; o anteproxecto Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e todos os seus programas e máis o anteproxecto do orzamento anual da Axencia. Ademais, realizará o seguimento, a supervisión e o control da actuación da entidade e da xestión da mesma e aprobará un informe xeral anual da actividade desenvolvida, coa valoración dos resultados obtidos.

Por outra banda, cómpre lembrar que a Axencia Galega de Innovación tamén contará con instrumentos para apoiar o seu labor como o Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Innovación; a Plataforma da Innovación Galega e o Observatorio da Innovación en Galicia, todas eles instrumentos que serán deseñados para facilitar a Mellora do Sistema Galego de Innovación e a mellora competitiva do tecido empresarial, na sociedade galega.