A Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas define o seu plan de actuación para os próximos meses coa implicación de todas as organizacións

2024-04-08
  • O seu máximo órgano de goberno reuniuse en Santiago de Compostela para acordar as accións a priorizar ao longo de 2024

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2024.- O pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha rede de colaboración entre a Administración, os centros tecnolóxicos e de investigación, as universidades e o sector empresarial para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia en tecnoloxías cuánticas, reuniuse recentemente en Santiago de Compostela para definir o seu plan de actuación para os próximos meses.

Entre as actividades priorizadas para o período 2024-2025 atópase a creación de varios comités executivos, que teñen encomendada a consecución de obxectivos concretos e accións estratéxicas que posicionen a Galicia no medio e longo prazo, cun enfoque de xeración de impacto nas empresas; a elaboración dun mapa de capacidades e da cadea de valor das tecnoloxías cuánticas na Comunidade e a celebración de varios encontros.

En maio prevese a organización dun evento que facilite a interacción, colaboración e o intercambio de coñecementos entre tecnólogos e investigadores de Galicia no ámbito das tecnoloxías cuánticas para impulsar o establecemento de relacións sólidas e colaborativas entre os axentes identificados e promover proxectos colaborativos que redunden no avance e a innovación no campo das tecnoloxías cuánticas. En setembro terá lugar tamén unha xornada orientada especificamente aos líderes tecnolóxicos do tecido empresarial galego, para axudarlles a introducirse nos posibles usos destas tecnoloxías.

Así mesmo, deuse conta de distintas actividades que se van desenvolver no marco desta Rede, como a celebración dun evento anual de referencia en tecnoloxías cuánticas en Galicia, organizado por Fujistsu e a Xunta de Galicia o 9 e o 10 de outubro; ou accións de divulgación entre o público xeral, entre as que destacan a celebración do World Quantum Day o vindeiro 14 de abril organizado polo Cesga e o IGFAE (USC); ou un ciclo de cine, que se inicia coa proxección de “O ollo e a máquina”, organizado polo Cesga no CGAC durante este mes de abril (5, 11, 12, 18 e 19 de abril 2024).

Por último, tratouse o posible deseño dunha convocatoria de proba de concepto en tecnoloxías cuánticas, a celebración dun hackaton ou a posible creación dun Observatorio de Tecnoloxías Cuánticas no 2025 para seguir de preto o desenvolvemento e a evolución destas tecnoloxías.

A Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas integra á Xunta, a través das consellerías de Economía, Industria e Innovación, Sanidade e Facenda e Administración Pública; ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG); ao Cesga; ao Clúster TIC, aos Hubs de Innovación Dixital DIHGIGAL e DATAlife; ao centro tecnolóxico Gradiant; ao Fujitsu International Quantum Center e ao Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos).