A Xunta destaca a contribución da empresa Eurored á sustentabilidade do sector pesqueiro e acuícola

2024-04-02
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron a compañía en Redondela
  • O grupo, dedicado ao deseño e elaboración de artes de pesca e instalacións e servizos de acuicultura, está a innovar no desenvolvemento de novos produtos e tecnoloxías que promoven a sustentabilidade

Redondela (Pontevedra), 2 de abril de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitaron a sede central do Grupo Eurored en Redondela para coñecer os proxectos de innovación nos que está inmerso. Durante o seu percorrido pola fábrica tiveron oportunidade de coñecer a actividade do centro produtivo no que se elaboran diferentes artes de pesca e elementos para as instalacións de acuicultura en mar aberto.

Patricia Argerey destacou o aliñamento da empresa coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 2021-2027), en concreto, coa sustentabilidade como motor de transformación económica e social, en liña coa prioridade europea da transición verde. De feito, a directora da Axencia Galega de Innovación apuntou que unha das áreas nas que o Grupo Eurored está a centrar os seus esforzos é no desenvolvemento de produtos e tecnoloxías que promovan a sustentabilidade na pesca e na acuicultura a través do uso de materiais biodegradables e respectuosos co mar en redes e cordas de cultivo, así como o desenvolvemento de métodos de pesca máis selectivos e respectuosos co medio ambiente. Neste eido, Eurored é un referente para a industria en todo o mundo.

Así mesmo, Argerey sinalou a contribución da empresa redondelá á modernización dos sectores primarios galegos, como a pesca e a acuicultura, a través da introdución de innovacións que inciden na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos. Neste sentido, o Grupo Eurored está a innovar na mellora da eficiencia das empresas pesqueiras e acuícolas a través do desenvolvemento de produtos, ferramentas e sistemas de xestión que optimicen os procesos produtivos e incrementen a rendibilidade como solucións personalizadas para garantir a eficiencia das operacións a bordo.

A directora da Axencia Galega de Innovacion lembrou que segue aberta ata o 14 de abril a convocatoria de Misións RIS3 que ten como obxectivo promover a realización de proxectos de I+D e innovación e investimento produtivo de carácter estratéxico para contribuír ás Misións de Especialización Intelixente. Precisamente, a primeira misión é contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático do sector primario de Galicia, a partir da redución da súa pegada nun 10% en 2030 mediante a circularidade e a simbiose industrial, ambito no que está a traballar Eurored, para quen é prioritario dar unha segunda vida ás redes cando deixan de utilizarse.

A directora da Axencia aproveitou para lembrar tamén que un dos obxectivos da Materioteca de Galicia, espazo de difusión de materiais innovadores posto en marcha pola Xunta de Galicia en 2018, é dinamizar o uso de materiais innovadores por parte das empresas galegas, partindo de que estes son clave na industria pola súa capacidade para incrementar a competitividade en todos os sectores económicos. Empresas como o grupo Eurored poden incorporar os seus materiais innovadores a este catálogo de materiais innovadores ou identificar materiais e tecnoloxías que incorporar aos seus productos e procesos produtivos, desenvolvidos por outras empresas ou centros de coñecemento. A materioteca de Galicia pode visitarse no CIS Tecnoloxía e Deseño, en Ferrol.