A Xunta apoia a realización dunha tese doutoral no eido das terapias avanzadas CAR-T

2023-11-24
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, coñeceu esta investigación realizada no marco do programa de Doutoramentos Industriais que está a piques de resolver a súa terceira edición

Santiago, 24 de novembro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, coñeceu esta mañá a investigación que está a desenvolver un dos doutorandos que realiza a súa tese na empresa pública Galaria dentro do programa Doutoramentos Industriais da Xunta de Galicia. En concreto, o estudante traballa na optimización das terapias CAR-T, baixo a dirección de África González, catedrática do Departamento de bioquímica, xenética e inmunoloxía da Universidade de Vigo.

A directora de Gain destacou a importancia de contribuír a mellorar terapias avanzadas como as CAR-T, de enorme transcendencia na loita contra o cancro, a través do impulso á realización dunha tese de doutoramento. Argerey lembrou que está a piques de resolverse a terceira edición deste programa conxunto entre as Consellerías de Economía, Industria e Innovación e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que está dotado con 1,9 M€ para apoiar a contratación de 15 estudantes de doutoramento que desenvolvan a súa tese nunha contorna empresarial.

Este programa permite orientar o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico, en colaboración cunha universidade do Sistema Universitario de Galicia que se encargará da formación investigadora da persoa doutoranda. Deste xeito favorécese a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento, así como a formación de mozos e mozas investigadores no marco de proxectos de interese empresarial estimulando a súa posible inserción laboral unha vez que remate a axuda.

Esta iniciativa xa ten permitido a contratación, nas dúas edicións anteriores, de 31 persoas doutorandas e complétase con outras medidas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Principia, Oportunius, Ignicia, os programas de apoio predoutoral e posdoutoral e Investigo.