A Xunta participa no proxecto europeo Aeroganp para impulsar a colaboración Galicia-Norte de Portugal no ámbito aeroespacial
2023-11-27
Nigrán (Pontevedra), 27 de outubro de 2023.- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou na presentación do centro de investigación avanzada eMobility de Borgwarner que a aposta da compañía por establecer este laboratorio tecnolóxico en Galicia contribúe a posicionar á Comunidade na carreira por liderar a mobilidade eléctrica do futuro.
Nas próximas semanas darán comezo as obras de construción desta infraestrutura, que abarca dúas parcelas de máis de 8.500 metros cadrados e que disporá de 4.000 m2 de laboratorios e oficinas, preparados para acoller ata 150 profesionais, 30 deles de nova contratación. O centro supón un investimento estimado de 20 millóns de euros, que contan con cofinanciamento da Xunta, cunha partida de 5 millóns de euros que achega a Axencia Galega de Innovación a través da liña de axudas para centros de investigación empresarial.
A responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego subliñou a aposta pola I+D+i en Galicia de Borgwarner, que conta tamén co Centro Técnico de Vigo e que leva investidos ata a data 8,5 millóns de euros neste eido. Borgwarner centra a súa actividade innovadora no desenvolvemento de novas solucións para a redución de consumo de combustible, de emisións contaminantes ou a mellora do rendemento dos motores, e coa nova infraestrutura afondará no eido da mobilidade eléctrica.
Tal e como sinalou María Jesús Lorenzana, este novo centro vai funcionar como unha entidade aberta a colaborar con outras organizacións: universidades, centros tecnolóxicos, empresas e incluso coa administración pública para o desenvolvemento de iniciativas conxuntas de investigación.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, que incidiu en que “entendemos que a competitividade das empresas pasa por ter garantida unha seguridade xurídica en canto á súa implantación”, apuntou que na lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta se inclúe un plan de aceleración e de impulso á industria para garantir que nun prazo dun ano todas as industrias poidan comezar a súa construción, sinalando que tamén se inclúe un plan de empresa e innovación.
Na súa intervención, a conselleira de Economía, Industria e Innovación fixo tamén fincapé na importancia de que se acelere a chegada dos fondos europeos ao tecido produtivo, subliñando que moitos proxectos relevantes para a Comunidade requiren dese financiamento.