Rueda enxalza as oportunidades que ofrece Galicia para captar, reter e aumentar talento investigador

2023-06-07
  • Destaca a consolidación de cinco novas prazas de persoal investigador, a Estratexia RIS3 de Galicia e o futuro decreto das carreiras investigadoras como ferramentas para facer da Comunidade un referente no eido da ciencia
  • Salienta os bos resultados en materia investigadora en Galicia, pero anima “a non conformarse” e a “seguir medrando” para cimentar a marca Galicia de I+D+i

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2023.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou as oportunidades que ofrece Galicia para “captar, reter e aumentar” talento investigador. O titular do Goberno galego participou hoxe na inauguración do III Encontro Oportunius, no que puxo en valor o labor dos científicos para construír a Galicia do futuro desde o coñecemento e a innovación.

“Un país sen investigación é un país que perde oportunidades”, advertiu o mandatario galego, en referencia a que o talento investigador e científico é fundamental para facer fronte aos retos tecnolóxicos, ambientais, sanitarios o sociais aos que se enfronta Galicia, de aí que defendese a “prioridade” do emprego dos recursos públicos para “favorecer a investigación”.

Rueda indicou que o deber das Administracións é responder a ese talento con ferramentas e medios, de aí a posta en marcha do programa Oportunius que arrincou no ano 2014 como unha iniciativa promovida pola Xunta, coa colaboración do Sistema Universitario Galego (SUG), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e os organismos de investigación de Galicia para ofrecer condicións atractivas que permitan atraer e reter talento investigador de primeiro nivel.

O mandatario galego fixo fincapé en que traballo destes últimos anos desde o programa Oportunius favoreceu o impulso nacional e internacional da marca Galicia na I+D+i, do que, segundo remarcou, dan proba os 50 investigadores e investigadoras gañadoras e finalistas das axudas do Consello Europeo de Investigación, “que situaron a Comunidade autónoma como a sexta por número de proxectos e volume de recursos captados polos gañadores destas axudas”. “Este é un esforzo colectivo, dos equipos de investigación, da Xunta, do sistema universitario galego, do CSIC e das excelentes unidades de investigación galegas”, valorou.

Cinco novas prazas de persoal investigador

A pesar dos “bos resultados” en materia investigadora en Galicia, o presidente da Xunta advertiu de que “non hai que conformarse” e apuntou a que a intención do Goberno galego é seguir avanzando nesa liña. Así, anunciou a consolidación de cinco novas prazas de persoal investigador distinguido a través do programa Oportunius, que se suman aos dez que xa están contratados por esta vía.

Ademais da consolidación de prazas de persoal investigador, Rueda lembrou que Galicia conta desde o mes de marzo coa nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), “unha estratexia global chamada a converter a Galicia nun polo de atracción de talento investigador de calidade”. A maiores, subliñou o feito de que se está elaborando un decreto que fixe as condicións para desenvolver carreiras investigadoras nos centros e fundacións dependentes da Administración autonómica.

Alfonso Rueda salientou o “importante esforzo” do Goberno galego por facer de Galicia unha Comunidade excelente en materia investigadora. “Imos seguir nesta mesma liña de continuar medrando e non estancarse, xa que temos unha vantaxe investigadora despois destes anos. Agora o que hai que facer é consolidar a marca Galicia de I+D+i”, concluíu.