A Xunta avanza no Polo Aeroespacial de Galicia e impulsará a compra privada de innovación na que pemes e centros tecnolóxicos galegos darán resposta aos retos de empresas tractoras do sector

2023-03-31
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou nun encontro en Madrid no que se presentaron os programas de I+D dos novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia: Airbus, Avincis e Telespazio
  • Colaborarase con estas empresas para poder levar o uso dos vehículos aéreos non tripulados a novos servizos como a prevención de incendios, a vixilancia pesqueira ou a atención sanitaria

Madrid, 31 de marzo de 2023.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avanzou esta mañá un novo paso para o Polo Aeroespacial de Galicia. A Xunta impulsará dúas convocatorias —2023 e 2024- de Compra Privada de Innovación, na que as pemes e centros tecnolóxicos galegos formarán consorcios para dar resposta aos retos e necesidades tecnolóxicos das empresas tractoras do sector. Dotadas con 11,7 M€ —existirá cofinanciamento por parte do sector privado- permitirán “estender o ámbito de actuación do Polo colaborando no desenvolvemento tecnolóxico do sector”.

Esta nova figura seguirá permitindo que o Polo continúe xerando pegada industrial. Así, xunto co talento, coñecemento e capacidades que existen en Galicia neste eido, trabállase no deseño de solucións que se poidan fabricar, ofrecer e comercializar desde Galicia.

Conde participou nun encontro en Madrid no que se presentaron os programas de I+D dos novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia: Airbus, Avincis e Telespazio. Con estas empresas estase traballando para poder levar o uso de vehículos áereos non tripulados a novos servizos como a prevención de incendios, a vixilancia pesqueira ou a atención sanitaria.

O vicepresidente económico puxo en valor a colaboración público-privada, xa que é un dos puntos fortes no impulso do Polo Aeroespacial de Galicia. Tamén se referiu ao compromiso da Administración galega con este sector poñendo á súa disposición o maior marco de incentivos a través da compra pública de innovación, a compra pública precomercial e agora a compra privada de innovación.

O obxectivo dos instrumentos postos en marcha é o desenvolvemento de tecnoloxías no eido aeroespacial que permitan resolver retos tanto do sector como da Administración pública á hora de prestar os seus servizos á cidadanía. Así, desde a posta en marcha en 2015 desta estratexia, xa se mobilizaron preto de 500 M€ de investimento público-privado —330 nesta segunda fase-. Neste sentido, Conde considerou fundamental contar co apoio do Goberno a través dos fondos europeos para que as empresas “poidan desenvolver máis programas co reto de que estes fondos teñan un impacto na transformación do tecido industrial”.

Na súa intervención, Conde puxo en valor a importancia que este Polo está tendo na xeración dun verdadeiro ecosistema empresarial no que as compañías tractoras están tendo, tamén, un papel fundamental. Así, 70 pemes e centros de coñecemento están creando tecnoloxía propia no segmento aeroespacial actualmente en Galicia.

A Comunidade estase a situar como referente neste ámbito e avanza tamén nas infraestruturas. O Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) do Polo é un centro de ensaios que acolle un parque industrial con dous hangares pero conta tamén coa torre de control coa última tecnoloxía, e tamén co equipamento máis avanzado de Europa para simulación de voos en colaboración co CDTI. A Xunta vén de adxudicar, ademais, o sistema de telecomunicacións 5G e de ciberseguridade a Telefónica e GMV.

Estas tecnoloxías seguiranse complementando cos proxectos de Avincis e Telespazio para desenvolver infraestruturas avanzadas na observación e vixilancia da biodiversidade; e de Airbus, coa instalación de novos equipamentos en Galicia como dous hangares e un centro de excelencia en I+D+i. Galicia conta tamén coa colaboración de máis empresas de referencia no eido aeroespacial como é o caso de Indra e Boeing.