Máis de medio cento de estudantes dos CIFP Leixa, Ferrolterra, Rodolfo Ucha e Fraga visitan o CIS no marco da semana da Administración Aberta

2023-03-20
  • Os participantes, divididos en 3 grupos, tiveron a ocasión de coñecer os diferentes espazos que albergan as instalacións dependentes da Axencia Galega de Innovación (GAIN) como a Materioteca, o showroom, o Cesena ou o xemelgo dixital de Navantia
  • Aneiros destacou a oportunidade que supón esta celebración “á hora de dar a coñecer á cidadanía a organización da Administración e a prestación dos servizos públicos que xestionan todos os departamentos e entidades da Xunta”
  • A Semana de Administración Aberta é unha iniciativa impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) cuxo obxectivo é achegar as Administracións Públicas á cidadanía

Ferrol, 20 de marzo de 2023 Máis de medio centenar de estudantes dos CIFP Leixa, Ferrolterra e Rodolfo Ucha, de Ferrol, e do CIFP Fraga do Eume, de Pontedeume, participaron esta mañá nunha visita ao CIS Tecnoloxía e Deseño, no marco da programación da Semana de Administración Aberta que a Xunta organiza do 20 ao 24 de marzo.

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, foi a encargada de dar a benvida aos participantes que, ao longo da mañá e divididos en 3 grupos, tiveron a ocasión de coñecer os diferentes espazos que albergan estas instalacións dependentes da Axencia Galega de Innovación (GAIN) como a Materioteca, o showroom no que experimentaron con distintos dispositivos de realidade virtual e aumentada, o Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena) ou o xemelgo dixital de Navantia.

Aneiros destacou a oportunidade que supón a celebración da Semana de Administración Aberta “á hora de dar a coñecer á cidadanía a organización da Administración e a prestación dos servizos públicos que xestionan todos os departamentos e entidades da Xunta o que tamén supón poñer en valor moitas actividades e accións que son descoñecidas para a maior parte dos cidadáns como as que se levan a cabo aquí, no CIS Tecnoloxía e Deseño”.

A representante do Goberno galego tamén incidiu en que accións como esta “supoñen unha boa ocasión para que dende a Administración poidamos escoitar inquedanzas e suxestións directas da cidadanía”, polo que cualificou a xornada dun “achegamento aos cidadáns”.

Durante a apertura do evento tamén interviñeron representantes dalgunhas das entidades instaladas no CIS e vinculadas a sectores como o das enerxías renovables (Cluergal) ou as novas tecnoloxías (Siemens), ademais dunha responsable da Axencia Turismo de Galicia, ramas formativas ás que pertencen os alumnos participantes na xornada.

Semana de Administración Aberta

A Semana da Administración Aberta é unha iniciativa impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) que, en España, se adianta a súa celebración ao mes de marzo con motivo da súa coincidencia co período electoral. O obxectivo principal da iniciativa é achegar as Administracións Públicas á cidadanía, baseándose nos principios nos que se sustenta o Goberno Aberto: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

A Xunta conmemora a Semana de Administración Aberta con distintos eventos como presentación de plans, talleres, seminarios, lanzamentos de procesos participativos ou xornadas de portas abertas como a que tivo lugar hoxe no CIS Tecnoloxía e Deseño, en Ferrol.