A Xunta colabora con Benteler para facer das súas dúas plantas en Galicia un modelo de fábrica intelixente para todo o grupo

2023-03-10
  • A empresa, beneficiaria do programa Fábrica Intelixente, desenvolveu un proxecto que permite a interoperabilidade entre as diferentes plantas cun sistema totalmente integrado e monitorizado de produción
  • Conde anuncia unha próxima convocatoria desta iniciativa promovida pola Axencia Galega de Innovación e dotada cun orzamento de 24 millóns de euros
  • Apunta que esta iniciativa xa leva mobilizado 275 M€ e que o sector da automoción acapara máis da metade das axudas, o 62 por cento (47,3 M€)

Vigo, 10 de marzo de 2023.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe a colaboración que a Xunta de Galicia está prestando a Benteler para facer das dúas súas dúas plantas en Galicia, en Vigo e Mos, o centro de operacións para todo o grupo no desenvolvemento da fábrica intelixente.

Durante unha visita ás instalacións da factoría de Valadares, en Vigo, Conde remarcou o esforzo tecnolóxico e en I+D+i que Benteler está facendo desde Galicia. Un esforzo, dixo, que comporta 7,5 M€ de investimento aos que a Administración autonómica leva achegado 2,3 M€ a través do programa Fábrica Intelixente, que terá unha nova convocatoria este mesmo ano dotada, a través da Axencia Galega de Innovación, cun orzamento de 24 M€.

Este programa de axudas apoiou xa 24 proxectos de 68 empresas e centros de investigación cunha mobilización de 275 M€. O 69 por cento dos investimentos corresponden a oito iniciativas do sector da automoción, que acaparan máis da metade, o 62 por cento, do total das axudas, 47,3 M€. Empresas como Benteler, que xera 725 postos de traballo en Galicia, Stellantis, Copo, Borgwarner, Akwel Vigo ou GKN.

Conde explicou que co apoio destas axudas, Benteler desenvolveu un proxecto que permite a interoperabilidade entre as diferentes fábricas cun sistema totalmente integrado e monitorizado de produción.