A Xunta convida ás empresas do sector primario a seguir apostando pola innovación para incrementar a súa competitividade

2023-03-08
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e representantes das consellerías do Mar e do Medio Rural participaron esta mañá nun encontro con axentes deste ámbito para informar sobre as liñas de apoio da Administración autonómica á I+D+i
  • Esta xornada inscríbese no ciclo Networkings Galicia Empresa 2023, da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e representantes das consellerías do Mar e de Medio Rural participaron esta mañá na xornada A innovación no sector primario, transformando os recursos en competitividade, na que se deron a coñecer as liñas de apoio da Xunta de Galicia á I+D+i de interese para este sector.

No encontro, no que participaron ademais as empresas Panadería Da Cunha, Foresin, Seguridad Alimentaria del Noroeste e Marexi como casos de éxito de innovación neste sector, a directora da Axencia Galega de Innovación informou de que o obxectivo destas xornadas, nas que se está a presentar o Mapa de apoios á I+D+i da Xunta de Galicia, é romper o “teito de cristal” para as pemes e profesionais autónomos, así como achegar a innovación a aqueles sectores máis maduros, “que poderíamos pensar que son máis tradicionais, pero que tamén innovan”. Neste sentido, agradeceu a implicación das outras consellerías con competencias no sector primario “para xuntos xerar panca para seguir transformando un sector estratéxico coma este nun sector altamente competitivo”.

Argerey destacou que se trata da primeira vez que se ofrece un mapa conxunto de todos os apoios á investigación, o desenvolvemento e a innovación da Xunta de Galicia co obxectivo de facilitar o seu acceso aos axentes do sistema galego de innovación, especialmente ás pemes. Este mapa, resultado do traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta e estruturado en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, inclúe 38 instrumentos de apoio e prevé mobilizar preto de 400 millóns de euros ao longo de 2023, tanto a través destes instrumentos como dos investimentos en infraestruturas do ecosistema galego de innovación.

Neste sentido, Argerey apuntou que a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3) mantén a modernización dos sectores primarios galegos e do turismo a través da innovación como un dos tres retos estratéxicos da política de I+D+i para este período. Trátase da valorización dos recursos do mar, do campo, do monte o do turismo a través da mellora da competitividade dos usos actuais e da procura doutros usos alternativos de alto valor engadido.

Entre as liñas de apoio presentadas atópase o programa de Bonos de Innovación, aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 10 de abril. Nesta edición conta cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar máis dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes, a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores no ano en curso para pór en marcha actuacións innovadoras que teñan un impacto positivo a curto prazo. No evento explicáronse as axudas das distintas consellerías da Xunta de Galicia dirixidas a entidades do sector primario e expuxéronse casos de éxito de innovación neste eido. Así, na mesa redonda de experiencias innovadoras participaron as empresas Panadería Da Cunha, Foresin, Seguridad Alimentaria del Noroeste e Marexi.

Vindeiras xornadas

Esta xornada, que se enmarca no ciclo de Networkings Galicia Empresa organizados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, terá continuidade noutros encontros sectoriais centrados noutros ámbitos nos que se abordarán as tendencias de innovación, acompañados de expertos na materia e achegando a experiencia de empresas. Os eventos sectoriais celebraranse na sede da Axencia Galega de Innovación e online nas seguintes datas: 16 de marzo, O valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial; e o 22 de marzo, O futuro da minaría, a enerxía e a construción sostible a través da innovación. Ademais, o vindeiro luns 13 de marzo, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), celebrarase de xeito presencial e on line unha xornada informativa para presentar a nova convocatoria de Bonos de Innovación.

Desde o pasado mes de febreiro celebráronse encontros territoriais de presentación do Mapa de apoios da Xunta de Galicia á I+D+i nas catro provincias galegas, en colaboración coas confederacións empresariais, así como unha xornada sectorial centrada na innovación no sector social.