A Xunta anima ás entidades do terceiro sector a apostar pola innovación para responder aos retos da sociedade

2023-03-02
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora xeral de Formación para o Emprego e a Orientación, Zeltia Lado, participaron nun encontro con axentes deste ámbito para informar sobre as liñas de apoio da Administración autonómica á I+D+i

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participaron esta mañá na xornada A innovación social como panca do benestar da sociedade galega, na que se deron a coñecer as liñas de apoio da Xunta de Galicia á I+D+i de interese para este sector.

No encontro, no que tamén participaron representantes da Consellería de Política Social e de entidades como Cruz Vermella, Once, Cogami, Asociación Amicos e a consultora Designthinking.gal, a directora da Axencia Galega de Innovación animou aos axentes do sector social a innovar para afrontar os retos da sociedade e os retos globais e tendeu a man á colaboración entre a Administración e os colectivos do terceiro sector para proporcionar solucións conxuntas aos desafíos da sociedade.

Neste sentido, Argerey destacou que a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia sitúa as persoas no seu centro, como principal activo de Galicia e destinatarias últimas do esforzo en I+D+i, en liña coas prioridades a nivel europeo. Este foco nas persoas tradúcese, por un lado, no esforzo realizado para contar coas achegas da cidadanía na propia definición da estratexia, e por outro, en dar a coñecer ás persoas como a innovación impacta nas súas vidas e, por último, involucrar a colectivos menos familiarizados coa innovación.

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, destacou que a Xunta de Galicia convocará este ano unha nova edición do programa Talento 30, que ten como fin “mellorar a empregabilidade e oportunidades laborais dun colectivo tan prioritario para a Xunta de Galicia como é a xuventude”. Anunciou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade activará, por outra banda, o programa Bonos Talento Empresa, con axudas económicas para a realización de iniciativas formativas de curta duración para mellorar e actualizar as capacidades profesionais dos cadros de persoal das empresas.

No marco do encontro presentouse o mapa conxunto de apoios da Xunta de Galicia á I+D+i que agrupa por primeira vez todos os apoios públicos á investigación e á innovación da Xunta de Galicia co obxectivo de facilitar o seu acceso aos axentes do sistema galego de innovación, especialmente ás pemes. Este mapa, resultado do traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta e estruturado en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, inclúe 38 instrumentos de apoio e prevé mobilizar preto de 400 millóns de euros ao longo de 2023, tanto a través destes instrumentos como dos investimentos en infraestruturas do ecosistema galego de innovación.

Entre as liñas de apoio presentadas atópase o programa de Bonos de Innovación, aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 10 de abril, e que ten entre os seus destinatarios ás entidades do terceiro sector. Nesta edición conta cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar más dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes, a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo. No evento explicáronse as axudas das distintas consellerías da Xunta de Galicia dirixidas a entidades e empresas do sector social e expuxéronse casos de éxito de entidades deste ámbito con experiencia en innovación social. Así, na mesa redonda de casos de éxito participaron a Cruz Vermella, Once, COGAMI, a Asociación Amicos e a consultora DesignThinking.gal.

Próximas xornadas

Esta xornada, que se enmarca no ciclo de Networkings Galicia Empresa organizados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, terá continuidade noutros encontros sectoriais centrados noutros ámbitos: o sector primario; a loxística e a enxeñaría; e a minaría, enerxía e construción. Nestes encontros sectoriais abordaranse as tendencias de innovación, acompañados de expertos na materia e achegando a experiencia de empresas. Os eventos sectoriais celebraranse na sede da Axencia Galega de Innovación e online nas seguintes datas: 8 de marzo, A innovación no sector primario, transformando os recursos en competitividade; 16 de marzo, O valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresariale; e o 22 de marzo, O futuro da minaría, a enerxía e a construción sostible a través da innovación.