A Xunta destaca a posición estratéxica do sector aeroespacial galego e convida ás empresas a sumar capacidades

2023-02-09
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe en Rozas (Castro de Rei) nunha xornada para dar a coñecer ás empresas e centros de coñecemento galegos a liña de apoios do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) para proxectos de I+D+i no sector aeronáutico
  • O próximo luns, día 13, celebrarase unha xornada na que se presentarán os programas de I+D+i de Airbus, Babcock e Telespazio, da man das propias compañías e dos seus consorcios

Castro de Rei (Lugo), 9 de febreiro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou hoxe a posición estratéxica do sector aeroespacial galego e convidou, tanto ás pemes como ás grandes empresas, a sumar capacidades e desenvolver proxectos que contribúan a reforzar a posición de Galicia neste sector.

O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) acolleu unha xornada para dar a coñecer o Programa Tecnolóxico Aeronáutico (PTA), unha liña de apoios do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), ás empresas e centros de coñecemento galegos, na que Patricia Argerey puxo en valor o apoio constante e continuado da Xunta á I+D+i no sector aeronáutico e aeroespacial e, de forma específica, ao segmento dos vehículos non tripulados a través do Polo Aeroespacial de Galicia.

Valorou tamén a relevancia de que se poñan en marcha programas especializados como o PTA, no marco do Perte Aeroespacial, para incentivar a innovación nas empresas e centros de coñecemento desta industria.

Incentivo á I+D+i empresarial

O CDTI presentou os instrumentos de apoio á I+D+i da entidade, facendo especial referencia ao PTA, que ten por obxectivo o mantemento do coñecemento e do emprego de alta cualificación mediante o lanzamento de proxectos estratéxicos de I+D+i empresarial que xeren un efecto de arrastre en toda a cadea de valor do sector.

Os retos tecnolóxicos contemplados no PTA son a eficiencia e o avión cero emisións, os avións non tripulados, os sistemas e a fabricación intelixente. Trátase dunha liña de apoios destinada tanto a grandes empresas como a pemes, que poden á súa vez subcontratar a universidades, centros públicos de investigación ou centros tecnolóxicos.

O CDTI fixo referencia ás leccións aprendidas das convocatorias 2021 e 2022 do PTA e sinalou, entre elas, a importancia do impacto ambiental nos proxectos, que non haxa empresas en crise integrando os consorcios e a necesidade de definir correctamente as actividades de I+D.

Nas convocatorias 2021 e 2022 do PTA, arredor do 60 % dos proxectos presentados obtiveron financiamento. Na xornada presentáronse casos de éxito de proxectos beneficiarios en Galicia como os das empresas Delta Vigo, Televés e Aeromedia.

Dúas novas citas clave para o sector

Os próximos luns 13 e martes 14 de febreiro o CIAR de Rozas será escenario de dúas novas xornadas clave para o sector: celebrarase un evento monográfico sobre o Polo Aeroespacial de Galicia e o V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial (CIAG), promovidos pola Xunta de Galicia e o Consorcio Aeronáutico Galego.

O día 13 o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, será o encargado de inaugurar a xornada na que se presentarán os programas de I+D+i de Airbus, Babcock e Telespazio, da man das propias compañías e dos seus consorcios. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de asistir a un relatorio sobre biodiversidade e cambio climático a cargo de Leonor Calvo, do Grupo de Investigación de Ecoloxía Aplicada e Teledetección, da facultade de Ciencias Biolóxicas e Ambientais da Universidade de León.

Pola tarde, será o turno para a presentación das novas solucións mediante UAVs para os servizos públicos da Xunta, e ademais a Business Factory Aero (BFAero), dará a coñecer os proxectos de Aguia, Beagle e Fuvex.

O martes celebrarase o V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial , no que se presentarán tres dos informes elaborados polo Observatorio da Industria Aeroespacial, proxecto no que colaboran a Xunta e o CAG, e abordaranse temáticas como as oportunidades do Perte Aeroespacial, o desenvolvemento de tecnoloxías, innovación e competitividade ou os sistemas aéreos non tripulados e a Urban Air Mobility.