A Xunta presenta un novo programa para apoiar grandes proxectos de I+D+i con potencial transformador sobre a economía e sociedade galegas
2023-09-15
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2023.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na presentación do centro de investigación de Cetaqua e Viaqua, co que a Xunta de Galicia colabora no obxectivo de obter auga reutilizable e producir hidróxeno verde e biometano.
O proxecto conta cun orzamento de 3,5M€, dos que a Xunta achega 1,4 millóns, para seguir avanzando cara a unha industria verde, renovable e eficiente ao promover a eliminación de microplásticos, o aproveitamento enerxético e a produción de biocompostos.
Trátase dun dos tres centros de investigación que a Xunta apoia como complemento ao programa das Unidades Mixtas de Investigación (UMI) e pon o foco na economía circular a partir do ciclo da auga. Neste sentido, Viaqua e Cetaqua levan colaborando desde o 2015 cunha UMI centrada no novo modelo de xestión dos recursos naturais e, en concreto, da auga. Este traballo sumado ao novo centro suporá a creación dunha vintena de postos de traballo e unha mobilización próxima aos 7,7M€ de orzamento público-privado.
O vicepresidente económico puxo en valor que neste proxecto “conflúen a colaboración entre administración, sector privado e coñecemento; xunto coa importancia de contar cunha empresa tractora, Agbar e Veolia, que aposta polo territorio contando con todo o ecosistema de pequenas e medianas empresas”. Conde rematou defendendo o modelo de colaboración público-privado que practica a Xunta e que está demostrando que funciona á hora de poñer a innovación ao servizo do progreso social e económico.