A Xunta informa sobre as oportunidades dos programas europeos de I+D+i para impulsar a competitividade das pemes galegas

2023-01-24
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou os bos resultados obtidos polas entidades galegas en Horizonte Europa e apuntou que o reto para o periodo 21-27 é incrementar a participación das empresas
  • A Axencia Galega de Innovación acolleu hoxe un taller sobre as novidades nas reglas de participación neste programa, organizado en colaboración con CDTI e Fecyt
  • A iniciativa forma parte do Ciclo Europa, unha serie de xornadas de formación e información centradas nas convocatorias de financiamento europeo da I+D+i, que ten como obxectivo ampliar as oportunidades das entidades galegas

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na inauguración dunha xornada sobre aspectos legais e financeiros de Horizonte Europa, o actual programa de financiamento da I+D+i europeo, celebrada esta mañá na sede da Axencia en Santiago de Compostela. No encontro, Argerey destacou que a Xunta de Galicia leva anos traballando en apoiar a competitividade dos axentes do ecosistema galego de innovación nas convocatorias europeas e estatais, subliñando as capacidades das entidades galegas nestas convocatorias tan esixentes.

Así, o retorno obtido por estas en Horizonte Europa segue medrando respecto dos programas anteriores, tanto en termos absolutos como relativos, captando máis de 44,4 millóns de euros en ano e medio de execución do programa.

A directora de Gain sinalou que o reto para este novo período, 2021-27, é incrementar a participación das empresas, especialmente das pemes, no Programa Horizonte Europa así como nos novos instrumentos do Consello Europeo de Innovación (EIC). Precisamente, unha das liñas estratéxicas da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia é poñer en marcha todos os apoios necesarios para que as pemes e empresas galegas acudan a programas de financiamento estatal e, especialmente, europeos, para avanzar na súa competitividade e internacionalización.

Con este obxectivo púxose en marcha o Ciclo Europa, do que forma parte esta xornada. Trátase dunha serie de encontros centrados nas convocatorias de financiamento europeas da I+D+i, que persegue mellorar a participación galega a través da formación e información de calidade ao ecosistema de innovación sobre as distintas iniciativas e programas de apoio impulsadas pola Comisión Europea, así como facilitar a interacción directa con expertos nestas materias. De feito, na xornada de hoxe participaron os Puntos Nacionais de Contacto sobre aspectos legais e financeiros de CDTI e FECYT.

No período 2022-2023 celebráronse 7 xornadas e cursos dentro deste ciclo, cunha participación total, presencial e online, de 439 persoas. Ademais, a partir da semana que vén comenzará unha serie de xornadas en colaboración con CDTI centradas nas convocatorias do Programa Horizonte Europa para o bienio 2023-2024, que foron lanzadas pola Comisión Europea recentemente. As dúas primeiras xa teñen data: o 3 de febreiro sobre alimentación, bioeconomía, recursos naturais, agricultura, medio ambiente (Clúster 6) e Clima e o 14 de febreiro sobre industria (Clúster 4). O resto de temáticas serán presentadas en sucesivas xornadas durante as seguintes semanas e, posteriormente, celebraranse outras centradas noutros programas como Europa Dixital ou EU INVEST.