A Xunta aborda coa Real Academia Galega de Ciencias o decreto que regulará o estatuto do persoal de investigación da Administración autonómica

2022-11-29
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, mantivo un encontro con Juan Manuel Lema e Alicia Estévez, presidente e vicepresidenta da entidade
  • O decreto, que pechou o pasado venres a fase de consulta pública previa, responde á necesidade de regular un marco común e estable de desenvolvemento profesional para o persoal de investigación da Xunta de Galicia e das súas entidades instrumentais
  • O réxime común regulado no Estatuto definirá un itinerario para o desenvolvemento profesional deste persoal baseado na excelencia e facilitará a mobilidade
  • Impulsará ademais a colaboración entre o tecido investigador e o tecido empresarial e estimulará o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal de investigación

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, reuniuse esta mañá co presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RACG), Juan Manuel Lema, e a vicepresidenta desta entidade, Alicia Estévez, dentro da rolda de contactos para abordar o novo decreto que está a tramitar a Xunta de Galicia para aprobar un estatuto que fixe o marco regulador do persoal de investigación (persoal investigador e técnico) dos centros públicos dependentes da Administración autonómica e das súas entidades instrumentais.

O decreto pechou o pasado venres a fase de consulta pública previa á cidadanía e aos colectivos interesados co obxectivo de recabar a súa opinión. Posteriormente, unha vez recibidas as achegas, darase a coñecer un borrador de decreto e exporase publicamente, co fin de que a norma sexa o resultado dun proceso de consenso entre todos os axentes. Prevese a súa aprobación durante o primeiro semestre de 2023.

A directora da Axencia Galega de Innovación salientou que esta proposta “permite non só a estabilización do persoal actual e fixa o camiño para a contratación de persoal futuro, senón que ofrece un marco de condicións de traballo que garante o crecemento persoal, xa que as persoas son as que contribúen ao avance da ciencia, un elemento fundamental do noso modelo de crecemento económico”.

A xeración de talento investigador é a base do sistema de ciencia e innovación e precisa dispor dun marco de condicións de traballo que garanta a estabilidade e o crecemento profesional, xa que non abonda con ofrecer un entorno investigador solvente no que os profesionais poidan desenvolver a súa actividade. O decreto responde a esta necesidade desenvolvendo un estatuto pioneiro no ámbito estatal. Deste xeito, a Xunta aproveita a oportunidade que abre a reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación para regular desde o eido autonómico aspectos moi relevantes do réxime do persoal investigador que facilitarán a captación, retención e atracción de talento.

O borrador de Estatuto establece o réxime laboral como réxime xeral para o persoal investigador e o persoal técnico, e regula un modelo de carreira e promoción coa excelencia como base, cun tratamento individualizado fundamentado na avaliación da actividade investigadora, conforme aos principios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación, garantindo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Por último, facilita a mobilidade do persoal fomentando así a súa formación, a colaboración entre o tecido investigador e o tecido empresarial e o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal de investigación.