A Xunta de Galicia salienta que a implicación dos empregados públicos coa innovación permite ofrecer un servizo máis accesible e de máis calidade á cidadanía

2022-11-23
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participaron na entrega do IV Premio empregados/as públicos/as innovadores/as
  • Francisco Conde destaca o talento dos gañadores e finalistas, aos que agradece o seu sentido da responsabilidade, o seu compromiso e a súa iniciativa
  • Miguel Corgos afirma que unha das prioridades do Goberno galego é que a Administración autonómica sexa cada vez máis moderna e innovadora
  • Na categoría de identificación de oportunidades resultou gañadora unha proposta para a optimización enerxética presentada por Roberto Vieito, da Axencia Galega de Innovación
  • No apartado de temática innovadora o premio foi para a proposta Mestres Gandeiros, presentada por Encarnación Nieto e Pablo Amenedo, do Instituto de Estudos do Territorio; e José Marcial Díaz Manso, do Fondo Galego de Garantía Agraria

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participaron hoxe na entrega do IV Premio empregados/as públicos/as innovadores/as, que busca recoñecer a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

Na súa intervención, Francisco Conde destacou o talento dos gañadores e finalistas, aos que agradeceu o seu sentido e responsabilidade, o seu compromiso e a súa iniciativa, destacando que a implicación dos empregados públicos permite ofrecer un servizo público máis accesible e de máis calidade.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, felicitou aos premiados e agradeceu o seu esforzo e compromiso. Salientou, ademais, que a Xunta valora e fai visibles os proxectos que se premian hoxe, xa que son un exemplo de como transformar os servizos públicos do século XXI desde a innovación, facéndoos máis útiles para a cidadanía.

Corgos afirmou que unha das prioridades do Goberno galego é que a Administración autonómica sexa cada vez máis moderna e innovadora. E para iso pon en marcha iniciativas como o incremento, un ano máis, do orzamento da Axencia Galega de Innovación; a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia; o Plan Xeral de Xestión e Mellora dos Servizos Públicos; o proceso de dixitalización da contratación administrativa a través de ferramentas TIC ou o Plan Xeral de Prevención de Riscos de Xestión e Medidas Antifraude para os Fondos Next Generation.

Proxectos gañadores

Na categoría de identificación de oportunidades, dotada con 2.000 euros, resultou gañadora a proposta «enerxia.gal – Optimización enerxética na Xunta de Galicia», presentada por Roberto Vieito, responsable do departamento de informática da Axencia Galega de Innovación.

Na categoría de temática innovadora, na que se premian os proxectos innovadores xa realizados ou en curso, o premio foi para a proposta «Mestres Gandeiros», que recibirá un premio en metálico por importe de 3.000 euros. Foi presentada por un equipo formado por Encarnación Nieto e Pablo Amenedo, traballadores do Instituto de Estudos do Territorio; e José Marcial Díaz Manso, que desenvolve o seu labor do Fondo Galego de Garantía Agraria. Trátase dun material didáctico soportado nunha páxina web, deseñado coa colaboración de gandeiros dos Ancares, co fin de poñer en valor a súa contribución como principais xestores da biodiversidade e a paisaxe. Está enmarcado no proxecto BioGov: celebrando a gobernanza da biodiversidade, cofinanciado polo programa Interreg Europe e o Instituto de Estudos do Territorio. Está enmarcado xa neste ano académicomo dentro do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Foron recoñecidos como finalistas na categoría de temática innovadora Beatriz Mira, Noelia Fernández e Mónica Estévez, do CIFP A Carballeira- Marcos Valcárcel, de Ourense; e Irene Bonome, Francisco Javier Nieves e Loreley Otero, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. No tocante á categoría de identificación de oportunidades, os finalistas foron Manuel Soliño, da delegación de Pontevedra da Consellería do Medio Rural; e Miguel Ángel Palacios, Montserrat Rodríguez e José María Pita, do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.