A Xunta recolle nos Orzamentos do vindeiro ano máis de 27 M€ para consolidar o Polo aeroespacial de Galicia

2022-10-27
  • Conde salienta que Galicia agarda que o Goberno convoque canto antes o groso das axudas deste Perte Aeroespacial porque conta cun proxecto sólido e apoiado por tres novos socios industriais (Airbus, Babcock e Telespazio) e por compañías do sector como Boeing e Indra

Vigo, 27 de outubro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, apuntou hoxe que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano recollen unha partida de máis de 27 M€ para consolidar o Polo Aeroespacial de Galicia.

Conde interveu esta tarde en Vigo no congreso New Space 2022 —organizado por Alén Space-, centrado no sector aeroespacial, onde recoñeceu que hoxe en día Galicia é unha mención obrigada na industria dos vehículos aéreos non tripulados a nivel nacional, con proxectos como o Polo Aeroespacial de Galicia e os novos socios tecnolóxicos que colaboran nel: Airbus, Babcock e Telespazio.

Segundo dixo, é unha aposta que está xerando impacto e que, a través de fórmulas como a colaboración público-privada e a compra pública innovadora, está permitindo captar investimentos que van ser moi importantes para consolidar a cadea de valor desta industria en Galicia e impulsar a súa internacionalización.

Son máis de 900 profesionais de máis de 50 empresas e centros de coñecemento os que están implicados nesta iniciativa, da que xa saíron 62 solucións ao mercado. Unha iniciativa que suma as capacidades do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR); o parque tecnolóxico e industrial que albergan estas instalacións, cos hangares de Indra e Babcock; e das pemes e entidades que colaboran nos diferentes proxectos de I+D que se están desenvolvendo.

Conde salientou que Galicia agarda que o Goberno convoque canto antes o groso das axudas do Perte Aeroespacial porque conta cun proxecto sólido e apoiado polas principais compañías do sector —os tres novos socios industriais (Airbus, Babcock e Telespazio) así como por empresas do sector como Boeing e Indra-, e co talento de todo o ecosistema de centros tecnolóxicos e empresas que traballan na cadea de valor desta industria para resultar beneficiada.