Un total de 13 profesionais de alta cualificación incorpóranse a empresas e centros de coñecemento a través do programa Talento Sénior

2022-10-16
  • A Xunta impulsa estas contratacións con preto dun millón de euros co obxectivo de fomentar a atracción e o retorno de talento
  • O persoal doutor e especialista contratado conta cunha media de 10 anos de experiencia en diferentes ámbitos da I+D+i e desenvolverá a súa actividade en sectores como o biotecnolóxico, o químico, o medio ambiental, a saúde, as humanidades, as ciencias sociais ou as tecnoloxías da información
  • Máis da metade dos beneficiarios retornan a Galicia procedentes de países como Alemaña, Bélxica, Estados Unidos, Francia, Portugal, Turquía e Emiratos Árabes
  • As entidades beneficiarias recibirán incentivos de entre o 40% e o 60% en función da retribución bruta do persoal de alta cualificación por cada contrato indefinido ou temporal de duración igual ou superior a 3 anos

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2022.- A Xunta de Galicia vén de resolver a quinta edición do programa Talento Sénior, unha iniciativa para a atracción e retorno de persoal investigador de alta cualificación cunha carreira consolidada. Cun investimento de preto dun millón de euros, a Axencia Galega de Innovación apoia 13 contratacións: 8 por parte de empresas e cinco por parte de organismos de investigación e centros tecnolóxicos. Cómpre salientar que un 62% dos candidatos beneficiarios retornan a Galicia grazas a este programa procedentes de países como Alemaña, Bélxica, Estados Unidos, Francia, Portugal, Turquía e Emiratos Árabes.

As persoas candidatas teñen unha experiencia profesional media de 10 anos en diferentes ámbitos e actividades de I+D+i e desenvolverán a súa actividade en sectores como o biotecnolóxico, o químico, o medioambiental, a saúde, as humanidades, as ciencias sociais ou as tecnoloxías da información. No 62% dos casos a contratación tamén ten carácter indefinido.

O programa establece un salario mínimo bruto de 40.000 euros ao ano. O incentivo á contratación contemplado nesta orde vai do 40% ao 60% en función da retribución bruta do persoal de alta cualificación por cada contrato indefinido ou temporal de duración igual ou superior a 3 anos e dependendo de se a entidade beneficiaria é unha empresa ou un centro de tecnolóxico ou de investigación.

As entidades beneficiarias son as empresas Mestrelab Research, Teswater Global, Diversa Technologies, Qubitia Solutions, Medrar Smart Solutions, Edafotec Suelos a la Carta e Activos Financieros de Bergondo. Por parte dos centros tecnolóxicos e os organismos de investigación están o Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), o Instituto de Investigacións Mariñas e o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, ambos dependentes do CSIC, e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia.

O programa Talento Sénior ten entre os seus obxectivos a atracción e retorno de persoal investigador doutor ou profesional de alta cualificación con máis de 5 anos de experiencia para desenvolver a súa carreira en empresas e centros tecnolóxicos e de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i.

En total, desde o ano 2018, Talento Sénior posibilitou a incorporación dun total de 62 profesionais en empresas, organismos de investigación e centros tecnolóxicos galegos cun investimento total de preto de 4,5 millóns de euros. Este programa completa outras medidas que desde o Goberno galego se están poñendo en marcha co obxectivo de apoiar o talento e crear emprego de calidade no eido da investigación, como Oportunius, Doutoramento Industrial, Principia, Ignicia e os programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral.