A Xunta salienta que as demostracións de voo do proxecto europeo AMU-LED avalan o posicionamiento de Galicia na vangarda da mobilidade aérea intelixente

2022-09-28
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación destas probas que contribúen a evolucionar a regulación en materia de tráfico aéreo, cando conviven aeronaves convencionais e vehículos non tripulados
  • Nesta área de actuación tamén se está a traballar no Polo Aeroespacial de Galicia
  • O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) é o encargado de deseñar, liderar e coordinar as demostracións, ademais de dar soporte no despregue
  • Realizaranse máis de 30 operacións e voos, tanto reais como simulados, de inspección, de fotografía aérea, de vixilancia, de transporte de mercadorías, de servizo de aerotaxi e misións de servizo público ou de telecomunicacións

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022.- Santiago de Compostela é desde hoxe escenario dunha das demostracións tecnolóxicas de tráfico aéreo de vehículos non tripulados máis avanzadas de Europa. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe na presentación destas probas, que se desenvolven no marco do proxecto H2020 AMU-LED, onde destacou a súa contribución ao posicionamento de Galicia na vangarda da mobilidade aérea intelixente.

A directora puxo en valor que desde o Polo Aeroespacial de Galicia tamén se está a traballar con este obxectivo e destacou o proxecto Galician Skyway desenvolvido por Boeing, que xerou tecnoloxías avanzadas centradas en dar resposta ao obxectivo de fortalecer a seguridade das operacións con vehículos non tripulados e achanzar o camiño para un futuro no que as aeronaves tradicionais e os drons convivan nun mesmo espazo aéreo.

Tamén se referiu aos simuladores avanzados que están a desenvolver Indra e Boeing e que a partir do próximo ano estarán operativos no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) que xa conta na actualidade cun simulador de probas e continxencias que, sen dúbida, contribuirán a consolidar esta infraestrutura do Polo Aeroespacial de Galicia como referente para testar novas tecnoloxías que, como as impulsadas por AMU-LED, sirvan para acelerar a construción dun marco regulatorio europeo sólido para a mobilidade aérea.

Xunto coa tecnoloxía, os mercados e o talento, a regulación é un dos piares da nova folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia para promover a consolidación dun ecosistema industrial e de coñecemento no segmento dos sistemas non tripulados na nosa Comunidade. Así, estase a impulsar a creación dunha contorna segura para o uso civil de UAVs (sandbox regulatorio) no CIAR de Rozas, que permita apoiar desde Galicia a configuración dun marco regulatorio máis avanzado tanto para o desenvolvemento tecnolóxico como para a creación de mercados para os vehículos non tripulados.

O obxectivo é dispor dunha infraestrutura única para avanzar no coñecemento necesario e testar solucións tecnolóxicas que permitan afianzar a regulación, o que fará de Rozas un lugar único en Europa para a experimentación, onde se poderá xerar o coñecemento necesario para impulsar o cambio regulatorio.

AMU-LED

O proxecto AMU-LED 2020, promovido pola Comisión Europea, involucra a 17 compañías e institucións de Europa e Estados Unidos co obxectivo de demostrar a integración segura e eficiente de distintos tipos de operacións con drons no ceo das cidades e contribuír ao desenvolvemento regulatorio e normativo e a avanzar no mercado dos vehículos non tripulados.

Entre as 17 entidades que integran o consorcio AMU-LED atópanse o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que é o encargado de deseñar e coordinar estas demostracións únicas en España, ademais de dar soporte no despregue; Enaire e Boeing, que tamén participan en proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia.

Despois das demostracións realizadas por AMU-LED en Cranfield (Reino Unido), Ámsterdam e Rotterdam (Países Baixos), Santiago será a única cidade española que acollerá demostracións no marco deste proxecto. Coordinadas polo ITG contará coa intervención de aeronaves tripuladas e non tripuladas que realizarán máis de 30 operacións, tanto reais como simuladas, nun total de 11 vertiportos repartidos entre a Cidade da Cultura, onde estará localizado o centro de control de tráfico de drons, o aeroporto Santiago – Rosalía de Castro, o campo de fútbol da Universidade de Santiago de Compostela e a base do helicóptero do 061 no hospital de Conxo.

Realizaranse voos de inspección, de fotografía aérea, de vixilancia, de transporte de mercadorías, de servizo de aerotaxi (simulados, por restricións da autoridade aeronáutica) e misións de servizo público ou de telecomunicacións. Entre os operadores dos voos están o ITG, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Ineco ou Airbus.

A Unidade Mixta de Investigación AIRUS, na que colaboran NTT Data e ITG, e que contou co apoio da Axencia Galega de Innovación, ten tamén un papel relevante nas demostracións, sendo esta tecnoloxía que incorpora os últimos avances na enxeñaría de tráfico de drons o núcleo do centro de xestión de operacións das demostracións que alberga estes días a cidade de Santiago de Compostela.