A Xunta ten como obxectivo que a I+D en Galicia oriente todos os esforzos a abordar os retos da sociedade galega

2022-09-17
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participou esta mañá en Marín na ‘Xornada de innovación para a cidadanía 3 Retos Ris 3’
  • A nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia marca como grandes prioridades a sustentabilidade e a dixitalización

Marín (Pontevedra), 17 de setembro de 2022.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participou esta mañá en Marín na xornada de innovación para a cidadanía 3 Retos RIS3, na que subliñou que o obxectivo da Xunta é que a I+D en Galicia oriente todos os esforzos a abordar os retos da sociedade galega.

A iniciativa, organizada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación – a través da Axencia Galega da Innovación– coa colaboración do Concello de Marín, tiña como obxectivo amosar á cidadanía como a innovación axuda a mellorar a calidade de vida. Así, os avances da investigación científica, as universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas en materia de innovación teñen como destinatario final ao conxunto da cidadanía, é dicir, promover melloras no eido da saúde, o emprego, o crecemento económico e o aumento da esperanza de vida. En concreto, o acto puxo de relevo a importancia que a innovación ten no deporte e contou coa participación das deportistas Irene Trabazo, Tamara Echegoyen e Desirée Vila así como o escultor Manolo Paz, experto na innovación aplicada aos novos materiais.

A xornada comezou cun maratón fotográfico para descubrir oportunidades e retos relacionados coa xestión innovadora dos recursos naturais e culturais (Reto 1). De seguido realizáronse clases de cicloindoor baixo a temática do modelo industrial da Galicia do futuro (Reto 2) e tamén dúas sesións de ioga ao aire libre, para poñer de relevo a importancia dun modelo de vida saudable e envellecemento activo (Reto 3).

A Xunta conta coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), o marco que recolle todas as políticas de impulso á innovación e que nos vindeiros cinco anos mobilizará un investimento público-privado de 5000M€, unha nova folla de ruta na que as prioridades son a sustentabilidade e a dixitalización.

Conde, que animou aos veciños de Marín a participar nas actividades propostas ao longo da xornada, destacou a importancia de apostar pola innovación social como ferramenta para a mellora da calidade de vida.