A Xunta destaca en Sevilla o papel da compra pública innovadora como motor para consolidar o polo aeroespacial de Galicia

2022-09-15
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou nunha mesa redonda en Unvex 2022, o maior evento en España especializado en vehículos e sistemas non tripulados
  • A adxudicación dos novos socios tecnolóxicos e industriais da Xunta prevese coñecer nas próximas semanas
  • Galicia conta con espazo expositivo propio no encontro que se celebra ata mañá en Sevilla, no que se amosan o valor das infraestruturas do Polo e o elevado potencial que teñen as empresas, pemes, centros tecnolóxicos e universidades deste ámbito

Sevilla, 15 de setembro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe nunha mesa redonda sobre apoio á innovación e compra pública innovadora celebrada no marco do programa de conferencias de Unvex 2022, o maior evento dos vehículos non tripulados que se celebra en España, que nesta sétima edición ten lugar en Sevilla.

Argerey abordou no seu relatorio o papel da compra pública de innovación como motor para a consolidación do sector aeroespacial en Galicia. Sinalou que se trata dun instrumento que maximiza a rendibilidade do investimento público, consolida a cultura da innovación na Administración e supón unha oportunidade para que o tecido produtivo arrisque no desenvolvemento de novos produtos e solucións.

Durante a súa intervención, a directora da Axencia Galega de Innovación lembrou que a Xunta de Galicia seleccionará os primeiros socios estratéxicos e tecnolóxicos do Polo Aeroespacial de Galicia 2025 entre os 8 programas de I+D+i aprobados como de interese preferente e que foron presentados por 7 empresas e consorcios. A adxudicación da licitación de compra pública precomercial prevese coñecer nas vindeiras semanas, despois de ter rematado o procedemento de diálogo competitivo.

A UTE Aertec-Tecnobit e as empresas Airbus, Babcock, Boeing, Indra, Sistemas y Montajes Industriales e Telespazio son as promotoras dos proxectos que aspiran a converterse en socios estratéxicos da Xunta. Ademais, os programas de interese preferente que non resulten adxudicatarios neste momento poderán dar lugar a novos acordos de asociación durante os próximos meses, no caso de obterse financiamento adicional do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ou a través doutros fondos europeos.

A directora puxo tamén en valor a experiencia no despregue de solucións que se están utilizando no Polo Aeroespacial de Galicia, e que realizaron a través da compra pública de innovación, destacou os resultados obtidos e explicou as principais liñas de actuación e as actuacións que xa se están a executar no Plan Estratéxico da Civil UAVs Initiative.

Importante presenza galega en Unvex 2022

O Polo Aeroespacial de Galicia está presente en Unvex 2022 e conta con espazo expositivo propio, despois de que a edición anterior se celebrase na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) con gran éxito de participación de profesionais e expositores e un programa de conferencias de alto nivel.

Coa súa presenza nesta sétima edición de Unvex, o Polo Aeroespacial de Galicia está dando a coñecer o traballo realizado na Comunidade para converter a industria aeroespacial nun dos sectores estratéxicos, amosando o valor das infraestruturas do Polo como centro de ensaios de referencia en Europa e as capacidades e o elevado potencial que teñen as empresas, pemes, centros tecnolóxicos e universidades que integran o ecosistema dos sistemas non tripulados en Galicia.

Unvex tamén está a ser un foro privilexiado para dar a coñecer as actuacións que se están desenvolvendo no Polo Aeroespacial de Galicia e as oportunidades que ofrece esta iniciativa estratéxica impulsada polo Goberno galego, baseada na colaboración público-privada, a empresas e centros de coñecemento de calquera parte do mundo.

O evento conta na súa área de exposición cunha ampla presenza de empresas e centros de coñecemento do ámbito dos sistemas non tripulados galego como son Aerocámaras, Aeromedia, Babcock, Cartogalicia, GeneraDron, Gradiant, Indra, Ingeniería In Situ, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, Marine Instruments, Raytrack, Seadrone ou UAV Works, así como do programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas da iniciativa, a Business Factory Aero; e do Consorcio Aeronáutico Galego.