A Xunta destaca o traballo da compañía coruñesa Osigris como exemplo de transformación dos sectores tradicionais a través da tecnoloxía

2022-08-25
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou as instalacións desta start up que desenvolve unha solución dixital para a xestión de explotacións agrícolas e gandeiras
  • A empresa está a poñer en marcha co apoio da Administración autonómica novas funcionalidades que permitirán aos agricultores cumprimentar o seu caderno de campo, optimizar o rendemento dos seus cultivos e predicir as enfermidades
  • Trátase dunha das 13 iniciativas apoiadas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación na primeira convocatoria para impulsar as iniciativas empresariais excelentes que non obtiveron financiamento no programa estatal Neotec por falta de crédito
  • A Xunta abrirá unha nova convocatoria a próxima semana dotada con preto de 6M€ para financiar arredor de 20 novos proxectos empresariais cun alto compoñente científico e tecnolóxico
  • Como novidade, este ano apoiarase tamén a pequenas empresas tecnolóxicas que trasladen a súa sede a Galicia co obxectivo de impulsar a atracción de talento cara a Comunidade, que conta cun completo ecosistema de incentivos ao emprendemento innovador

A Coruña, 25 de agosto de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou hoxe a compañía coruñesa Osigris, unha start up que desenvolve unha solución dixital para a xestión de explotacións agrícolas e gandeiras. Na súa visita, Argerey sinalou que o traballo desta compañía é un exemplo de como a innovación e as novas tecnoloxías poden transformar os sectores tradicionais da economía galega, en liña cun dos tres grandes retos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.

Osigris é unha das 13 empresas apoiadas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación na primeira convocatoria para impulsar as iniciativas excelentes que non obtiveron financiamento no programa estatal Neotec. Co apoio da Administración autonómica a compañía coruñesa, que participou na aceleradora do sector alimentario Business Factory Food, está a poñer en marcha novas funcionalidades que permitirán aos agricultores cumprimentar o seu caderno de campo e optimizar o rendemento dos seus cultivos, así como previr pragas.

Dentro do ecosistema de incentivos ao emprendemento innovador impulsado pola Xunta, está previsto que a próxima semana se publique no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria dotada con preto de 6 millóns de euros. En concreto, financiarase a posta en marcha de ao redor de 20 novos proxectos empresariais cun alto compoñente investigador e tecnolóxico.

Así, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, abrirá esta convocatoria aos 15 proxectos excelentes galegos presentados á ultima convocatoria estatal do programa Neotec e que, sendo ben valorados, non obtiveron financiamento por falta de crédito.

Como novidade, este ano tamén poderán concorrer a esta liña de axudas, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes, as mellores start ups do resto de España e que tamén teñan superado os limiares establecidos na convocatoria de Neotec 2021 que trasladen a súa sede social, fiscal e de traballo a Galicia. Impúlsase así a atracción de talento cara a Comunidade, que ofrece un completo ecosistema de incentivos e de socios estratéxicos para impulsar o emprendemento innovador.

Con esta iniciativa, o Goberno galego cumpre co seu obxectivo de que ningún bo proxecto quede nun caixón por falta de apoio e destinará axudas de ata un 85% do orzamento cun importe máximo de 325.000 euros por iniciativa para que poidan levar a cabo os seus plans de negocio durante os anos 2022 e 2023.

Na primeira convocatoria, a Xunta impulsou 13 proxectos con axudas de 2,9M€ no eido das TIC, da modernización dos sectores primarios galegos ou na diversificación de sectores tractores galegos e os seus auxiliares a través dun uso intensivo de tecnoloxías facilitadoras.

Esta liña complementa outras actuacións do Goberno galego como o Programa de impulso á innovación nas pemes, os préstamos IFI Innova, a aceleradora Galicia Avanza ou o traballo que se realiza a través das incubadoras e aceleradoras galegas.