A Xunta mantén aberta a liña de préstamos IFI Innova, dotada con 2,5 M€, para financiar proxectos innovadores de pemes galegas

2022-07-12
  • Esta liña de financiamento, xestionada polo Igape e a Axencia Galega de Innovación e cofinanciada con fondos Feder, ofrece tipos de interese reducidos e condicións vantaxosas
  • O seu obxectivo é apoiar proxectos de I+D+i de pemes e microempresas galegas que contribúan a mellorar a posición competitiva da empresa e está aberta ata o 30 de setembro
  • Boibel Forestal, empresa de servizos forestais, de enxeñaría e viveiro forestal, desenvolveu unha nova liña de produción de extractos vexetais naturais para substituír aditivos químicos nas industrias agroalimentarias, de alimentación animal e cosmética, con financiamento da Xunta de Galicia a través do programa IFI Innova

Frades (A Coruña), 13 de xuño de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa fradense Boibel Forestal, dedicada aos servizos forestais, de enxeñaría e viveiro forestal e especializada no castiñeiro resistente á enfermidade da tinta. A compañía é beneficiaria dun préstamo IFI Innova para a produción e comercialización dunha liña de produtos innovadores, extractos vexetais naturais que permitan substituír aditivos químicos de síntese nas industrias agroalimentarias, de alimentación animal e cosmética.

A directora de Gain aproveitou a visita para lembrar que segue aberto o prazo ata o 30 de setembro ou esgotamento do crédito para solicitar este instrumento de financiamento que pon a disposición das pemes e microempresas galegas máis de 2,5 millóns de euros, cofinanciados a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, para desenvolver proxectos de I+D+i que contribúan a mellorar a posición competitiva das empresas.

Argerey destacou as condicións vantaxosas destes préstamos da Xunta de Galicia, xestionados a través do Igape e de Gain, especialmente interesantes nun momento como o actual no que están a subir os tipos de interese. A través das dúas edicións anteriores deste programa, convocado en 2018 e 2020, apoiáronse 31 proxectos de pemes galegas cun investimento de 5,25M€ e unha mobilización total de fondos de preto de 7,6M€.

Argerey puxo de exemplo de proxecto innovador apoiado por este instrumento o de Boibel Forestal que permitiu valorizar o coñecemento biotecnolóxico obtido pola empresa a partir de anos de investigación arredor da produción de extractos e da bioquímica de clons híbridos resistentes á enfermidade da tinta, de Castanea Xhybrida, levar ao mercado un produto novidoso, contribuír á economía circular comercializando un suproduto da biomasa forestal así como dirixirse a mercados de alto valor engadido.

Para rematar Argerey subliñou o impulso á modernización dun sector tradicional como o forestal grazas a proxectos coma estes e destacou a traxectoria innovadora da peme coruñesa, que participou en numerosos proxectos de I+D+i e implantou recentemente un plan de innovación co apoio da Xunta de Galicia. Argerey apuntou que a Xunta de Galicia está a facer unha forte aposta por achegar as vantaxes de innovar ás pemes galegas de entornos rurais a través do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes e trasladarlles que a innovación non é só cousa das grandes empresas e Boibel é precisamente un exemplo de como pode conseguirse.

IFI Innova

Os préstamos IFI Innova permiten o financiamento de proxectos innovadores de pequenas e medianas empresas que contribúan a mellorar a posición competitiva da empresa. As contías dos prétamos oscilan entre 50.000 e 500.000 euros. A porcentaxe de importe financiable é do 70%, a un tipo de interese fixo (Euribor +0,1%), un prazo de devolución de 2 a 12 anos e un período de carencia de ata 4 anos, coa posibilidade de realizar amortizacións aceleradas en función da xeración de recursos da empresa e sen garantías ata 200.000 euros (coa opción de solicitalas en función do proxecto).