A Xunta destaca que a colaboración público-privada con Siemens, a Universidade da Coruña e Navantia será clave para impulsar a candidatura galega ao Perte naval a través da dixitalización e a innovación

2022-07-04
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Ferrol na inauguración da Aula Navantia-Siemens
  • Esta nova iniciativa, que aposta polo talento e a formación, permitirá ao Campus Industrial de Ferrol seguir especializándose no eido naval

Ferrol, 4 de xullo de 2022.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá na inauguración da Aula Navantia-Siemens en Ferrol que a colaboración público-privada da Xunta de Galicia con ambas as dúas empresas xunto á Universidade da Coruña, será clave para impulsar a candidatura galega ao Perte naval a través da dixitalización e a innovación.

Conde explicou que contar cun contorno tan favorable, ao que se suma a nova aula, é o mellor que Galicia pode facer para presentar proxectos sólidos e estratéxicos ao Perte anunciado polo Goberno.

Na súa intervención, asegurou que a alianza de Siemens, Navantia e a Universidade da Coruña representa unha aposta polo talento e a formación que permitirá ao Campus Industrial de Ferrol seguir dando pasos na súa especialización para adoptar un perfil estratéxico ligado ao sector naval e industrial.

O vicepresidente económico subliñou que esta nova iniciativa supón un novo impulso ao naval de Ferrolterra e á reactivación industrial da comarca, un dos obxectivos da Axenda naval que a Xunta está perfilando co sector para afondar no apoio financeiro, a diversificación e a xeración dun contorno favorable para o desenvolvemento de novos proxectos. Lembrou iniciativas como as Unidades Mixtas de Investigación nas que Navantia colabora coa Universidade da Coruña e Aimen para impulsar avances como o xemelgo dixital ou o programa Fábrica Intelixente, iniciativas que supoñen unha mobilización de 17M€ para avanzar no Estaleiro 4.0.