Conde subliña en Galiciencia a importancia de seguir apostando polo talento, a innovación e as vocacións científicas dos máis novos

2022-05-11
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, visitou os proxectos participantes na nova edición da feira científica que hoxe bota a andar no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole
  • Nesta edición, centrada na economía circular, participan un total 90 proxectos procedentes de centros educativos de toda a comunidade galega, ademais de Cataluña, Madrid e o País Vasco

San Cibrao das Viñas (Ourense), 11 de maio de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, destacou hoxe durante a súa visita á feira científica Galiciencia, que hoxe bota a andar no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole co apoio da Xunta, a importancia de “seguir apostando polo talento, seguir apostando pola innovación, e sobre todo apostar por esas vocacións científicas dos máis novos”, obxectivo principal de Galiciencia.

Conde, que lembrou que se retoma a presencialidade despois de dous anos, apuntou que esta iniciativa permite ao estudantado “demostrar a súa creatividade e a súa orixinalidade”, impulsando proxectos que supoñen tamén un incentivo para o emprendemento. O responsable de Economía, Empresa e Innovación en funcións destacou tamén que a temática elixida para este ano sexa a economía circular e a sostibilidade, tendencias que, segundo salientou “están tendo un maior impacto desde o punto de vista económico e social”.

Nesta edición de Galiciencia participan ata o venres un total 90 proxectos procedentes de centros educativos de toda a comunidade galega, ademais de Cataluña, Madrid e o País Vasco. De maneira presencial concorren 50 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP, que serán os que compitan polo premio final, e 20 de Primaria.