A Xunta celebra o Día das rapazas nas TIC co obxectivo de impulsar as vocacións femininas no sector

2022-04-28
  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Patricia Argerey, inauguraron un coloquio no que participaron máis de 1.200 escolares
  • O Día das rapazas nas TIC enmárcase nas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade e a infancia da Administración autonómica
  • A Xunta presentará proximamente o 3º Programa Muller e Ciencia; o 2º propiciou en cinco anos a incorporación de máis de 500 mulleres á investigacións

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, inauguraron hoxe a xornada organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) para conmemorar o 10º Día internacional das rapazas nas TIC. Máis de 1.200 estudantes de 27 centros de ensino de toda Galicia, participaron de xeito presencial e telemático no acto, no que ambas as dúas referendaron o compromiso transversal da Xunta de promover as carreiras tecnolóxicas nas mulleres.

Lorenzana avogou nun vídeo por aproveitar as “facilidades” que as novas xeracións teñen coas tecnoloxías para reverter os datos que evidencian que “tanto no eido formativo como no mercado laboral, persiste a desigualdade entre mulleres e homes no ámbito científico e tecnolóxico”. “Temos que traballar xuntas para abrir as portas ao mundo tecnolóxico en igualdade de oportunidades á nosa mocidade nun sector estratéxico para o futuro, que ofrece grandes posibilidades de emprego”, remarcou.

A directora de Gain, pola súa banda, animou ás nenas e mozas a aparcar os prexuízos, estudar aquilo que desexen e non poñerse límites, porque están igual de capacitadas que os seus colegas. Ademais, apuntou que se precisan moitos profesionais da ciencia e da tecnoloxía.

Na actualidade (datos da Comisión Europea), menos do 30% do sector TIC, sobre todo nos niveis de decisión, está formado por mulleres; en Europa, só o 19% das persoas emprendedoras son mulleres, que adoitan cobrar un 20% menos ca os homes.

As matrículas en informática nas universidades españolas están en descenso desde hai 30 anos, e soamente unha de cada tres persoas graduadas en ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) son mulleres. No caso galego, o alumnado feminino destas titulacións sitúase no 35%.

A estes datos hai que sumar que a fenda de xénero no emprego en Galicia no sector das TIC alcanza case o 35%; e só o 32,6% do emprego no sector é feminino.

Día das rapazas nas TIC

Esta celebración, que chega á súa décima edición en Galicia, está promovida pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) das Nacións Unidas co obxectivo de promover oportunidades profesionais para as nenas e mulleres no sector das TIC. Desde o 2011, máis de 377.000 rapazas e mulleres novas de 171 países participaron nesta conmemoración. Pola súa banda, o Cesga leva participando desde 2013 co obxectivo de motivar o interese das nenas polas TIC, especialmente en idades temperás.

Lorenzana adiantou que co mesmo espírito que impulsa a conmemoración do Día internacional das rapazas nas TIC, a Xunta está a rematar o III Programa Galego de Muller e Ciencia. Na súa segunda edición, esta iniciativa propiciou a incorporación de 524 mulleres á investigación e o ascenso doutras 20 a postos directivos entre 2016 e 2020

A Axencia Galega conta tamén cun programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a infancia e a mocidade, a través do que se promoven actividades como Voando alto, sumando vocacións; ou o Programa D´tec, no eido do deseño e das tecnoloxías dixitais. Ademais, colabora en actividades de divulgación científica con entidades como o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) ou a Fundación Eduardo Pondal.