A Xunta destaca que a UMI Navantia-UDC contribúe coas súas solucións tecnolóxicas a avanzar na construción das fragatas F-110 e a traballar polo futuro de Navantia Ferrol

2022-04-29
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta mañá en Ferrol ao peche desta Unidade Mixta de Investigación (UMI) centrada no estaleiro do futuro
  • A nova convocatoria pretende chegar a unha decena de UMIS, crear ou manter un cento de postos de traballo e mobilizar 30M€ de investimento incorporando, como novidade, a creación de centros mixtos de investigación
  • A Xunta mantén o seu compromiso con esta industria a través da Estratexia naval 2022-2026 que busca modelos colaborativos, así como o impulso á dixitalización, diversificación e apoio ao financiamento

Ferrol, 29 de abril de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta mañá en Ferrol ao acto de peche da Unidade Mixta de Investigación (UMI) da Universidade da Coruña (UDC) e Navantia Estaleiro do futuro. Na súa intervención destacou que esta UMI contribúe, coas súas solucións tecnolóxicas, a avanzar na construción das fragatas F-110 e a traballar polo futuro de Navantia Ferrol.

O proceso de construción destas fragatas, con prestacións tecnolóxicas para que sexan buques 4.0, aproximarase ao estaleiro de futuro. Un concepto que implica optimizar procesos de fabricación, integrar as TIC, substituír a soldadura por adhesivos en determinadas estruturas, usar vehículos aéreos non tripulados para automatizar as tarefas de inspección ou traballar con asistencia de novas tecnoloxías, como poden ser os exoesqueletos.

Precisamente, estas son algunhas das liñas de traballo que seguiu a UMI da UDC e Navantia para desenvolver solucións tecnolóxicas e impulsar un estaleiro do futuro incorporando a tecnoloxía desenvolvida no marco desta cooperación, como o buque sen cables ou o xemelgo dixital. Este proxecto, no que participaron 54 investigadores, foi posible grazas a un investimento de 4,8M€ dos que a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, achegou o 30%.

A directora lembrou que a nova convocatoria das UMIS ten como obxectivo apoiar unha decena de proxectos, crear ou manter 95 postos de traballo e mobilizar un investimento público-privado de 30 millóns de euros a partir dun orzamento de 12M€. Unha das principais novidades é a creación de centros mixtos de investigación para dar estabilidade ás unidades consolidadas, como esta fomada pola UDC e Navantia.

O programa das Unidades Mixtas de Investigación foi unha iniciativa pioneira posta en marcha en 2014 e que avoga pola innovación aberta. Desde entón xa se crearon 46 unidades que mobilizaron 130M€ a partir dun investimento público de 39 millóns e que xeraron e mantiveron 695 empregos.

Patricia Argerey finalizou lembrando o compromiso do Goberno galego co naval a través da Estratexia 2022-2026 presentada hai unha semana e que contempla, entre as súas medidas, o impulso á dixitalización, a diversificación e o apoio ao financiamento para impulsar esta industria, partindo sempre da cooperación entre estaleiros.