A Xunta inicia en Ferrol un ciclo de xornadas de difusión de materiais innovadores para a sustentabilidade e a economía circular

2022-04-24
  • O primeiro taller, que se celebrará de forma presencial e en liña, está aberto á inscrición e terá lugar o 28 de abril no CIS Tecnoloxía e Deseño
  • A través destas xornadas, organizadas no marco da Materioteca de Galicia, explóranse os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental

Ferrol, 24 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, organiza o vindeiro 28 de abril o primeiro taller dun ciclo dedicado a explorar as oportunidades que representan os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental a través da recuperación, a reutilización, a reciclaxe e o ecodeseño.

Esta primeira xornada do ciclo Sustentabilidade e circularidade dos materiais, organizado a través da Materioteca de Galicia no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), terá como eixo central a presentación de materiais baseados en materias primas secundarias.

A actual crise de materias primas puxo en evidencia a elevada dependencia que as economías europeas teñen da importación de recursos e materiais. Como solución, proponse aumentar a recuperación das materias primas críticas a partir de produtos usados e a utilización de materiais reciclados, ao mesmo tempo que se reduce a extracción de recursos naturais. A revalorización destes residuos e subprodutos convérteos nas denominadas materias primas secundarias.

Durante a primeira parte da xornada, que será retransmitida online, as empresas galegas Rir&Co, Cholita Recicla e Extraco, xunto con dous grupos de investigación da Universidade da Coruña, presentarán as súas propostas de materiais téxtiles e para a construción e o mobiliario urbano. En todas elas predomina a revalorización de materiais recuperados procedentes de diferentes sectores industriais.

A segunda parte, de carácter exclusivamente presencial, terá formato de taller práctico e interactivo e estará a cargo da empresa especializada Materially, que presentará un estudo estratéxico sobre materiais baseados en materias primas secundarias. A inscrición a este primeiro workshop do ciclo está aberta e pode formalizarse aquí.

A Materioteca de Galicia é unha iniciativa da Xunta para dinamizar a implantación dos materiais innovadores na empresa galega a través do deseño. Trátase dun espazo de difusión de novos materiais que combina unha exposición física no CIS Tecnoloxía e Deseño e un arquivo dixital de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.