A Xunta dá a coñecer o CIS tecnoloxía e deseño de Ferrol a estudantes de secundaria do CPI Pecalama de Tordoia

2022-04-22
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acompañou a alumnos de 3º e 4º de ESO nunha visita a este centro no marco do programa EduTecEmprende
  • O obxectivo desta iniciativa é motivar ao estudantado no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover o seu achegamento aos estudos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas)
  • A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación colabora coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade neste programa no marco das súas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas

Ferrol, 22 de abril de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acompañou esta mañá a un grupo de estudantes de 3º e 4º da ESO do CPI Pecalama de Tordoia (A Coruña) na súa visita ao CIS Tecnoloxía e Deseño no marco do programa EduTecEmprende, promovido pola Xunta.

O obxectivo desta iniciativa é motivar e sensibilizar a alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover o seu achegamamento ás áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación – a través de Gain- colabora coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade neste programa no marco da súa actividade de fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas entre a infancia e a mocidade, co obxectivo de conseguir un maior interese por estas áreas de coñecemento e axudar a que os estudantes visualicen as profesións STEM como opcións de futuro satisfactorias.

A directora da Axencia Galega de Innovación, departamento do que depende o CIS Tecnoloxía e Deseño, explicoulle aos estudantes as áreas nas que traballa o centro na súa misión de apoiar a innovación empresarial como: os materiais innovadores, o deseño, a realidade virtual e aumentada, a cooperación internacional en I+D+i e o fomento do emprendemento e das vocacións científico-tecnolóxicas.

Argerey animou aos visitantes a seguir formándose para incorporarse o día de mañá ao Sistema Galego de Innovación, que precisa de moito talento para seguir avanzando no obxectivo de conseguir unha economía galega máis baseada no coñecemento e na innovación, resiliente e capaz de facer fronte aos grandes retos globais como o cambio climático ou a pandemia.

Ao longo da visita, o grupo de estudantes visitou a Materioteca de Galicia, un espazo dedicado á exposición de materiais innovadores e cuxa principal misión é dinamizar o seu uso en proxectos de diferentes ámbitos; un showroom, onde puideron experimentar en primeira persoa distintos dispositivos de realidade virtual e aumentada e introducirse na CAVE, un entorno inmersivo formado por catro pantallas de grandes dimensións, así como visitar demostradores, onde puideron probar gafas de realidade aumentada para visualizar o mantemento de distintas instalacións e gafas de realidade virtual para experimentar cun proceso de pintura/vernizado con pistola.

Esta actividade súmase a outras actuacións de Gain no ámbito do fomento das vocacións científico-tecnolóxicas como: Voando alto, sumando vocacións, programa de fomento das vocacións no sector aeroespacial, no que se inscriben actividades como o concurso Cansat (Lanzamento de minisatélites), a Aula Newton na Tecnópole ou os obradoiros e visitas guiadas ao Aeródromo de Rozas, e que tivo unha participación de máis de 2400 asistentes; ou o programa D`tec, no eido do deseño e das tecnoloxías dixitais, que oferta cada curso espectáculos, talleres e proxectos escolares relacionados coa actividade do CIS Tecnoloxía e Deseño e no que participaron máis de 3600. En total, ambos programas sumaron máis de 6000 asistentes.

Ademais, Gain colabora en actividades de divulgación científica con entidades como o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en actuacións como a Galiciencia, os campamentos tecnolóxicos de verán e as Aulas Tecnópole ou a Fundación Eduardo Pondal nas Aulas Isidro Parga Pondal, entre outras.