A Xunta convoca as axudas do programa Innovapeme para que as pemes e microempresas galegas aumenten a súa capacidade innovadora

2022-04-18
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta liña de apoios á que destinará 2,8 millóns de euros
  • O vindeiro xoves, 21 de abril, prevese a publicación de DeseñaPeme
  • Ambos os dous programas, de concorrencia competitiva, prevén unha mobilización de 8,6 millóns de euros
  • Forman parte do conxunto de axudas da Administración autonómica para acompañar ás pequenas e medianas empresas e súmanse aos préstamos IFI Innova postos en marcha recentemente cun orzamento de 2,5 millóns de euros

Santiago, 18 de abril de 2022.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do programa InnovaPeme e o vindeiro xoves, 21 de abril, prevese a publicación da liña de axudas DeseñaPeme. Entre as dúas, a Xunta de Galicia prevé apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas galegas para que introduzan a innovación nos seus procesos, organización, produtos e servizos. En total, a Xunta investirá 4,3 millóns de euros que permitirán mobilizar 8,6.

Deste xeito, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, mantén o seu compromiso coa mellora da competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, poñendo o foco nas empresas de menor tamaño, con máis dificultades para emprender este camiño.

Por unha banda, hoxe convócase a quinta edición de InnovaPeme, unha liña de axudas destinada a incrementar a capacidade innovadora das pemes e microempresas galegas a través de actividades integradas en plans de innovación. Cun orzamento de 2,8M€ permitirá ás beneficiarias sistematizar os procesos de innovación da empresa a través do financiamento de actividades como estudos de novos produtos ou servizos innovadores, asesoramento en innovación, solucións innovadoras que melloren a produción, novas metodoloxías que incidan positivamente no funcionamento interno da empresa, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.

Esta convocatoria, de concorrencia competitiva, prevé outorgar axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas e, deste xeito, contribuír a incrementar o número de compañías innovadoras, potenciar a colaboración das pemes galegas co resto de axentes do ecosistema e aumentar o gasto de I+D e de actividades vencelladas á innovación. O prazo de solicitude abre mañá e pecha o 18 de maio.

Pola súa banda, o vindeiro xoves 21 de abril publicarase no DOG previsiblemente a segunda edición de DeseñaPeme, co reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico.

Nesta ocasión, o obxectivo é apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas. As axudas, de concorrencia competitiva, contan cun orzamento de 1,5M€, valorarán a xeración de deseños sustentables e outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.

Ambas as dúas liñas forman parte do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pemes, como os préstamos IFI Innova —cuxo prazo está aberto ata esgotamento do crédito ou o 30 de setembro-; o programa ReAcciona; a aceleradora Galicia Avanza —para promover a comercialización e internacionalización de produtos e servizos innovadores cuxo prazo pecha o vindeiro 3 de maio- ou os bonos de innovación que tamén se activarán este ano.

Desde a posta en marcha de InnovaPeme en 2017, xa se apoiaron 160 pemes cun orzamento de 13,3 millóns de euros e unha mobilización de 26,6, co mantemento de 767 postos de traballo en eidos como as TIC, a enxeñaría ou o sector agroalimentario. DeseñaPeme, pola súa banda, investiu o pasado ano 1,5 millóns de euros para apoiar 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns e fixeron posible a creación e mantemento de 86 contratos.