A Xunta mobiliza 7,2M€ para dar continuidade á aceleradora do sector aeronáutico BFAero con dúas novas edicións

2022-04-09
  • O obxectivo é fortalecer o posicionamento internacional das empresas participantes e promover así a creación, aceleración e consolidación de pemes innovadoras na cadea de valor da industria aeroespacial de Galicia
  • A previsión é dar apoio a 25 compañías, logo de que nas tres convocatorias anteriores participasen 19 e se crearan 8 novas e, aproximadamente, 60 empregos, cun investimento que acadou os 5M€
  • Como novidade, establécese unha nova fase de consolidación de 4 meses de duración dirixida a empresas galegas deste sector cunha antigüidade máxima de ata 7 anos e con alta capacidade de crecemento
  • Galicia xa ten en execución 84M€ de fondos públicos no Polo Aeroespacial de Galicia, no cal a BFAero é unha pata indispensable para o impulso do talento e o emprendemento

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), Igape e XesGalicia, dependentes da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dá continuidade ao seu acordo de colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo para convocar dúas novas edicións da aceleradora do sector aeronáutico BFAero, cun investimento total que poderá acadar 7,2M€ co que se pretende dar apoio a 25 empresas do sector.

O obxectivo é fortalecer o posicionamento internacional das empresas participantes e promover así a creación, aceleración e consolidación de pemes innovadoras na cadea de valor do aeroespacial de Galicia, para que capten, atraian e reteñan talento e contribúan a xerar pegada industrial e a incrementar a proxección internacional deste sector.

Na fase de incubación, entrarán aquelas empresas en fase temperá que se atopan entre o nacemento da idea e a validación do modelo de negocio. Dirixirase fundamentalmente a proxectos de emprendemento no sector aeroespacial que poden provir de universidades (spin-offs), empresas independentes (start-up) ou de escisións de empresas (spin-outs). A duración será de 12 meses, e cada participante deberá superar, polo menos, unha avaliación intermedia tras os primeiros seis meses, demostrando a consecución dos obxectivos que se fixarán para iso no plan de apoio.

Con respecto á fase de aceleración propiamente dita, de oito meses de duración, será para empresas xa existentes con alta capacidade de crecemento, un modelo de negocio validado e un determinado volume de facturación. En ningún dos casos se financiarán proxectos que non creen ou comprometan a creación dunha empresa ou centro de traballo en Galicia durante o período de incubación.

Como novidade, establécese unha nova fase de consolidación de 4 meses de duración dirixida a empresas galegas da industria aeroespacial cunha antigüidade máxima de ata 7 anos e con alta capacidade de crecemento, que teñan xa un produto definido e vendas reais. Recibirán os servizos e un plan de apoio adaptado ás súas características individuais.

A previsión é que se realicen dúas convocatorias. A primeira delas, entre abril e xuño de 2022. Posteriormente, en outubro deste mesmo ano abrirase a convocatoria da quinta edición para incubación e consolidación e, entre maio e xuño de 2023, para aceleración e unha segunda de consolidación.

Nas tres convocatorias anteriores, participaron 19 empresas, creáronse 8 novas e, aproximadamente, 60 empregos, cun investimento que acadou os 5M€.

Premios BFAero

Ás novas edicións desta business factory súmase, tamén, o lanzamento dos Premios BFAero, que recoñecen o talento emprendedor no sector aeroespacial de Galicia nas categorías de mellor iniciativa e mellor idea empresarial.

A BFAero é unha das liñas de apoio ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia indispensable para o impulso do talento e o emprendemento. Galicia xa ten en execución 84M€ de fondos públicos neste gran proxecto dentro da nova estratexia aprobada o ano pasado e que aspira a mobilizar un total de 540M€ ata 2025 entre investimentos públicos e privados se finalmente fose seleccionada polo Goberno no reparto dos fondos europeos Next Generation. Así, estase contribuíndo ao desenvolvemento industrial da Comunidade, ao fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras e á creación de emprego de calidade.