A Xunta destaca a importancia da colaboración público-privada no impulso á transferencia de coñecemento na biotecnoloxía galega

2022-04-07
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou o interese da iniciativa ‘Mind the Gap’ da Fundación Botín para impulsar a consolidación do sector
  • Subliña as sinerxías co programa autonómico Ignicia, que apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos
  • En total, 23 proxectos foron apoiados a través das tres edicións do Ignicia, dos que naceron 9 spin-offs, captaron máis de 4 millóns de euros de investimento no mercado e crearon máis de 70 empregos de alta cualificación

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou esta mañá en Santiago de Compostela, no marco da inauguración dun Bioalmorzo organizado polo clúster Bioga e centrado no programa Mind the gap da Fundación Botín, a importancia da colaboración público-privada no impulso á transferencia de coñecemento e o emprendemento no sector biotecnolóxico para avanzar máis rápido na consolidación desta industria en Galicia.

Argerey destacou a relevancia deste programa da Fundación Botín que leva impulsando desde 2011 o emprendemento biotecnolóxico para facilitar que as tecnoloxías con potencial comercial, desenvolvidas por institucións científicas españolas, cheguen ao mercado para xerar desenvolvemento económico e social.

A directora da Axencia subliñou as sinerxías desta iniciativa co programa Ignicia da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Barrié, que tamén apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos.

Argerey destacou a solidez dos proxectos apoiados por Ignicia, que superan unha avaliación tanto a nivel legal como tecnolóxico que garante a protección e liberdade de explotación da propiedade industrial, así como a novidade e capacidade de chegar ao mercado cun produto disruptivo.

Ademais, durante a fase de desenvolvemento da idea de negocio cara a un proxecto empresarial desenvolven, co apoio de expertos tecnolóxicos, un plan de negocio cun claro enfoque cara a comercialización internacional e a captación de investimento. En total, 23 proxectos foron apoiados a través das tres edicións do programa Ignicia, dos que naceron 9 spin-offs, captaron máis de 4 millóns de euros de investimento no mercado e crearon máis de 70 empregos de alta cualificación.

Por último, a directora da Axencia apuntou que ambos os dous programas están aliñados coa Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico galego 2021-2025, na medida en que contribúen ao seu crecemento a través do impulso á transferencia de coñecemento e ao emprendemento no sector. Esta estratexia aspira a mobilizar máis de 660 millóns de euros de investimento público-privado co obxectivo de situar a Galicia como unha das rexións biotecnolóxicas a nivel internacional.

Programa ‘Mind the Gap’

Argerey animou ás compañías galegas a presentarse a Mind the Gap, dependente da área de Ciencia da Fundación Botín, que desde 2011 impulsa o emprendemento biotecnolóxico para posibilitar que as tecnoloxías con potencial comercial, deseñadas por institucións científicas españolas, cheguen ao mercado para xerar desenvolvemento social e económico.

Con este fin, o programa selecciona proxectos empresariais incipientes baseados en tecnoloxía da área das ciencias da vida xerada en institucións investigadoras españolas, aos que proporciona investimento financeiro, ata un máximo de 500.000 euros por proxecto, durante un período máximo de dous anos; e acompañamento, a través dunha metodoloxía específica de apoio á maduración.

Ademais, Mind the Gap conta cun vehículo de cofinanciamento no que, xunto á Fundación Botín, participan un grupo de investidores privados que achegan capital para financiar os proxectos.